Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza mañá a presenza do noso idioma na Internet

“O galego non só sobrevive na Internet senón que goza dunha vida excelente” así de claro é Carlos Pereiro, membro da Sección de Comunicación, Literatura e Sociedade do Consello da Cultura Galega (CCG) e coordinador da xornada “O galego vive nas redes“. A cita terá lugar mañá martes 25 de maio (19:00 horas) a través da web e redes sociais da institución e pretende analizar o presente e o futuro da nosa lingua nas plataformas de comunicación convidando a recoñecidas figuras das redes como Esther Estévez, Agos Reigosa, John Amil e María Saborís.

Carlos Pereiro é tamén fundador da revista “Morcego”, a única que existe no noso país e no noso idioma sobre videoxogos, e coñece ben a realidade da cultura galega nas redes. “No último ano multiplicouse por catro a xente que vía twich en galego. E, polo que detectamos, todas as transmisións en galego gozan de máis de dez persoas”. Aínda que esta cifra poida parecer baixa, Pereiro dimensiónaa: “en twich hai miles de persoas que entran todos os días pero o 95% das transmisións non as ve ninguén. Pero en galego hai unha comunidade que está viva, que está creando todos os días e ten seguidores”. Pero non son só as retransmisións, senón tamén os podcast que están a meter máis demanda que nunca. “Non só están vivos senón que experimentaron un auxe, en parte grazas ao confinamento”. Neste panorama, a xornada “O galego vive nas redes” pretende servir de espazo para compartir as percepcións desa realidade que está a medrar.

Na conversa, que terá lugar mañá martes, ás 19:0 horas, en directo a través da rede, participan catro das figuras máis destacadas da comunidade galega na rede: Esther Estévez, xornalista que está a realizar un notable traballo divulgativo no espazo da CRTVG titulado “Dígocho Eu” e amosa unha grande orixinalidade no uso do Tik-Tok; Agos Reigosa, un dos veteranos das redes galegas e agora detrás de Twitch en Galego, plataforma que busca a agrupación e asociación dos creadores de contido do país neste servizo; María Sabarís, xornalista na diáspora que acaba de estrear “Fóra de mapa”, un podcast que pretende dar a coñecer as minorías menos visibles que existen en Europa; e tamén Jon Amil, unha das caras máis visibles do chamado Galituiter e xestor da conta Emgalego, un dos últimos fenómenos para a expansión e divulgación do reintegracionismo e a resolución de dúbidas sobre a lingua galega.

Outras noticias que che poden interesar: