----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada dun dos creadores do Celta, Manuel de Castro “Handicap”

O fútbol galego débelle moito a Manolo de Castro “Handicap” (Vigo, 1885-1944). Foi un dos promotores do Celta de Vigo e da primeira selección galega que debutou o 19 de novembro de 1922 en Coia fronte á selección de Castela. Foi tamén deportista e como xornalista asinou numerosas crónicas en numerosas publicacións, entre elas “Nós” ou “Faro de Vigo”. A súa biografía, escrita por Adrián Estévez, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

Manuel de Castro escribiu principalmente no “Faro de Vigo”, onde asinou a súa primeira crónica o 16 de febreiro de 1909. Desde as páxinas do decano dos xornais españois, xa en 1915 fixo un chamamento á unión dos dous principais equipos de fútbol da súa cidade: o Fortuna e o Vigo Sporting. A fusión levaríase a cabo en agosto de 1923, con Handicap como un dos principais valedores e sería o xermolo do actual celta. Tempo despois, colaborou tamén no deseño do estadio de Balaídos.

“Notas deportivas” é o título da sección que este xornalista empregou tanto en “Faro de Vigo” como en “Nós”. Pero colaborou en numerosas publicacións máis nas que deixou a súa impronta personal e o seu estilo. Con todo foron as súas obras “El Football olímpico” (1920) e “La Olimpiada de París” (1924) nas que deu conta das xestas deportivas nas olimpiadas de Amberes e de París.

Faleceu de forma accidental na madrugada do 27 de agosto de 1944, ao ser atropelado por un tren no Areal, cando saía dos pavillóns da I Exposición Industrial de Galicia, que se había inaugurar ese mesmo día coa presenza de Francisco Franco.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.