NOTICIA

----

A xuíza Garbiñe Biurrum debaterá mañá sobre a verdade na xustiza no ciclo “Pensarmos”

“O que o Dereito afirma como certo en función da súa autoridade non sempre se corresponde coa verdade, nin tampouco necesariamente coa realidade” así o asegura a xuíza Garbiñe Biurrum, que mañá participa nunha nova cita do ciclo “Pensarmos”, organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega (CCG). A súa intervención, que leva por título “A verdade xudicial: necesariamente lonxe da verdadeira verdade? Mentira aceptable?”, xa está dispoñible no web da institución. Mañá terá lugar, a través do web e da canle de Youtube do CCG, o debate en directo (18:00 horas) entre a propia Biurrum; a coordinadora do ciclo, Carme Adán, e a avogada Celia Pereira.

“O dereito aséntase sobre verdades acordadas” asegura Garbiñe Biurrum na súa intervención. Para esta xuíza o dereito pretende buscar a verdade sen renunciar a determinados métodos e admite que a verdade non é un obxectivo a conseguir a calquera costa. “A filosofía do dereito fíxose eco da dificultade de achegar a verdade” asegura ao tempo que considera clara a distinción entre certeza e verdade. Sobre a verdade e a certeza falou na intervención que está colgada no web do CCG. Acode aos dicionarios para definir a certeza como o coñecemento seguro e claro dalgo. “Chegamos á certeza a través da seguridade, xa que a xente busca no dereito a chave para garantir unha convivencia pacífica e ordenada”. Na súa opinión isto ofrece unha confianza colectiva xa que establece o marco de xogo. Con todo, “a realidade non sempre é así, pode acontecer, e de feito acontece, que a unha acción non lle corresponde unha sanción porque pode ser que non se acredita, ou peor aínda, que esa sanción se impoña a alguén que non cometeu ese delito, pero si se construíu unha verdade xudicial que o proba”. Na súa intervención afirmou que o que Dereito afirma como certo (en función da autoridade do Dereito) non sempre se corresponde coa verdade, nin tampouco necesariamente coa realidade.
“As normas plasmadas ou aplicadas na realidade rompen o binomio de certeza-obxectiva. E temos que lembrar que o dereito constrúe verdades oficiais e certezas públicas para garantir a convivencia en sentido amplo (interpersoal, económico...)” asegurou na súa intervención.

Sobre a certeza, a seguridade, a verdade, a mentira e a realidade, apuntadas na súa intervención debaterá mañá co público (18:00horas), no marco dunha sesión na que estarán presentes a coordinadora do ciclo, Carme Adán e a avogada Celia Pereira Porto.

A protagonista
Garbiñe Biurrum é profesora de Dereito do Traballo e da Seguridade Social desta universidade, xuíza e presidenta da Sala do Social do Tribunal Superior de Xustiza do País Vasco. Ademais, é membro da asociación Xuíces para a Democracia. Escribiu numerosos artigos en diversas materias xurídicas, notablemente en materia de igualdade, violencia de xénero, conflito vasco, paz... Membro do equipo da UPV/EHU de tradución ao éuscaro da Constitución española e codirectora da tradución da Lei de procedemento laboral. Alén da súa faceta profesional é tamén moi coñecida por participar en espazos de opinión na prensa escrita, radio e televisión.

A contar mentiras
O ciclo ‘Pensarmos’ dedica este ano 2021 a falar sobre un concepto tan filosófico como é o da verdade, pero enfocado ao que hai no fondo, a saber como se constrúen as mentiras en distintos ámbitos. A construción deses discursos falsos, a súa difusión e a permanencia en ámbitos tan dispares como o amor, a xustiza ou a ciencia é sobre o que falarán, a modo de diálogo, os diferentes participantes. O ciclo contou coa presenza de Eulalia Pérez, que falou das mentiras na ciencia, e co escritor Luisgé Martín, que abordou as mentiras no amor e na literatura.

Pensarmos
En xaneiro de 2019 a Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega puxo a andar o ciclo ”Pensarmos”, unha proposta de charlas, debates e intercambio de ideas co obxectivo de abordar os problemas da actualidade. Posverdade, fascismos dixitais, tecnopersoas, precarización da vida, perda de liberdades, humanismo dixital… son algunhas das temáticas que se trataron no marco deste foro, polo que pasaron máis dunha ducia de persoas como Javier Echevarría, José María Lasalle, Fernando Broncano ou Margarita Boladeras. Todas as intervencións están gravadas e pódense consultar desde o web institucional e a nosa canle de youtube.

Sección de Pensamento
Este ciclo está organizado pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a María Xosé Agra Romero, Damián Álvarez Villalaín, Jorge Álvarez Yágüez, Antón Baamonde, Ascensión Cambrón Infante, Juan J. Casares Long, Carlos Fernández Fernández ou África López Souto, entre outros. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus ou, máis recentemente, Karl Marx.