O Consello da Cultura Galega e a Fundación Vicente Risco analizan en Allariz o potencial turístico da cultura

“Nós e o turismo cultural” é o título da xornada que o Consello da Cultura Galega (CCG) e a Fundación Vicente Risco (FVR) organizan mañá, sábado 29, en Allariz. Unha cita presencial que pretende ser un punto de encontro entre o sector turístico e o sector cultural. A actividade, que require inscrición, conta coa presenza de relatores como o antropólogo Rafael Quintía, o xornalista e profesor Manuel Gago ou o especialista Carlos Rodríguez, así como cos responsables de tres empresas galegas que funden as experiencias culturais e turísticas.

Deixou dito Vicente Risco que “todo depende das particulares apetencias de cada forasteiro. Pero hai algo en que todos os homes coinciden, que é no gozo dos sentidos; por eles chéganos dentro o mundo”. Coa intención de buscar novas formas de ofrecer o que é Galicia aos visitantes, esta xornada pretende conciliar o aspecto cultural co turístico.

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a alcaldesa de Allariz, Cristina Cid, e a presidenta da Fundación Vicente Risco e membro da Sección de Pensamento do CCG, Celia Pereira Porto, son as encargadas de inaugurar esta cita. Despois, as responsables das dúas entidades organizadoras, o CCG e a FVR, ofrecerán os primeiros relatorios, que abordarán o papel das institucións como axentes de dinamización cultural.

No seguinte bloque falarase de centros museísticos. Nese sentido, Rafael Quintía, antropólogo e socio de Aborigine Antropoloxía Produción e Xestión Cultural, tratará de museos galegos e turismo sustentable. Deseguido haberá un diálogo entre Antonio Piñeiro, secretario da Fundación Curros Enríquez – Casa dos Poetas, Celanova; César LLana, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia, e Juan Antonio Seara, responsable dos Museos de Allariz.

Xa pola tarde, Carlos Rodríguez Pérez, asesor de formación do profesorado no CAFI, e Manuel Gago, director do portal culturagalega.gal do Consello da Cultura Galega, falarán de percorridos culturais polo universo literario.

A cita conclúe cun bloque destinado a poñer de relevo tres iniciativas empresariais que xorden do turismo cultural. Un deles é “Compostela Campers”, unha axencia de viaxes polo noso país con caravanas e furgonetas camperizadas que explicará o seu director xeral, Elías Rozas Álvarez; outra é “Algueira. Enoturismo e máis na Ribeira Sacra”, que analizará un dos seus propietarios, Fabio González Pérez. A parte de experiencias remata co relatorio de Noemí Vázquez, a propietaria de Arca da Noe, unha atípica taberna cultural situada en Vilar de Santos, na comarca da Limia.

Outras noticias que che poden interesar: