Aberta a inscrición dunha xornada que analiza as relacións entre o dereito e a cultura

As relacións entre o dereito e a cultura sempre foron bastante conflitivas. Conciliar a rixidez do dereito coa especificidade da cultura é un dos obxectivos da xornada “Dereito contra cultura?” que o Consello da Cultura Galega (CCG), a Cátedra de Dereito Local da Universidade da Coruña máis a Deputación da Coruña organizan para o vindeiro 9 de xuño. Para iso contarase coa presenza de destacados especialistas como Susana de la Sierra, Xabier Marcé, Miguel Martín, ou Carlos Amoedo entre moitos outros. A cita pode seguirse de maneira telemática e tamén de xeito presencial (que require de inscrición previa) a través do web da institución.q

Os profesionais da cultura, sexan do ámbito público como privado, atopan nas contratacións administrativas e nas subvencións abondosas complicacións derivadas das obrigas legais. Sobre a necesidade de buscar solucións operativas que simplifiquen os procedementos administrativos ao tempo que reflexionar conxuntamente para comezar a definir as mudanzas lexislativas que comprendan a especificidade, complexidade, diversidade e natureza pluridimensional do campo cultural xorde esta xornada coordinada por Carlos Amoedo e Xabier Campos.

A cita está organizada en tres mesas transversais e tres sectoriais, coa intención de impulsar unha liña de traballo que teña continuidade.

As mesas transversais
As mesas de carácter transversal buscan analizar de maneira global as dificultades e ao mesmo tempo particularidades do sector cultural. A primeira delas leva por título “Dereito contra cultura? Problemas e necesidades dunha relación conflitiva” e nela participan Carlos Amoedo Souto, director da Cátedra de Dereito Local da Universidade da Coruña e secretario xeral da Consellería de Cultura entre os anos 2005 e 2009; Isabel Novo Castro, letrada da Consellería de Cultura; e máis Juan Bautista Suárez Ramos, interventor adxunto da Deputación da Coruña.

A segunda das mesas reflexiona sobre “As leis sectoriais de contratación pública e propiedade intelectual” coa participación de Marcos Vaquer, catedrático de Dereito Administrativo esecretario xeral da Universidad Carlos III, xunto con Reyes Marzal Raga, profesora titular de Dereito Administrativo da Universitat de València.

A visión global remata coa mesa titulada “Subvencións públicas da cultura. Como, para que, para quen?” con Xavier Marcé, exdirector do ICIC e concelleiro de Cultura e Industrias Creativas da cidade de Barcelona, máis Miguel Martín, exdirector do IGAEM/AGADIC e da área de Cultura do Concello da Coruña.

As mesas sectoriais
As mesas sectoriais atenderán as especificidades dos grandes sectores culturais. En primeiro lugar o do “Libro e edición”, mesa que contará coa participación de Isabel Blanco, directora da Rede de Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña e de Henrique Alvarellos, escritor, editor e presidente da Asociación Galega de Editora.

A segunda das mesas abordará a situación do audiovisual con Susana de la Sierra, profesora titular da Universidad de Castilla La Mancha e exdirectora do ICAA; Manuel González, exdirector da Axencia Audiovisual Galega, e Felipe Lage, produtor audiovisual e e presidente de AGAPI. Pecha programa Belén Bermejo, doutora en Dereito e xestora cultural, e Emi Candal, directora de Urdime e portavoz da Sectorial de Cultura de Espazocoop, que falarán da situación das artes ao vivo.

Outras noticias que che poden interesar: