----

Un vídeo lembra o concerto “No bico un cantar”, que non se celebrará pola situación sanitaria

A situación sanitaria impediu, por segundo ano, a realización do concerto “No bico un cantar”, unha iniciativa que organizan cada primeiro venres de xuño o Consello da Cultura Galega, a Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia. Tampouco se pode celebrar este ano pero un dos centros participantes na iniciativa, o Xoán Montes de Lugo, gravou co seu alumnado “Maio longo”, o poema de Rosalía musicado por Baldomir, co que cada ano remata este concerto.

Unha vintena de rapaces e rapazas do Conservatorio Profesional de Música Xoán Montes de Lugo quixo lembrar a que sería a novena edición de “No bico un cantar” cunha gravación do poema “Maio longo” co que remata este concerto cada ano. É o mesmo poema que conformou a edición de 2020, que estaba previsto que se celebrase en Allariz. En plena expansión da pandemia, a proposta trasladouse á rede e un centenar de alumnos e alumnas de conservatorios profesionais xunto co grupo de Metais Hércules Brass, que participa nesta iniciativa desde a súa creación, cantaron desde as súas casas a peza emblema desta iniciativa.

No bico un cantar
En 2013 o Consello da Cultura Galega xunto coa Consellería de Cultura, Educación e Universidade da Xunta de Galicia puxeron en marcha unha proposta didáctica e musical moi ambiciosa. Chamábase “No bico un cantar” e pretendía trasladar a paixón pola música culta e a poesía galega a escolares de toda Galicia. “O que se aprende cantando non se esquece xamais” dixo naquel momento Maximino Zumalave, recoñecido pianista e director de orquestra, que é o promotor desta iniciativa.

Cada primeiro venres de xuño, o alumnado dos conservatorios de música xuntábase nun concello para cantar un repertorio moi pensado co espazo xeográfico elixido en cada ocasión. Durante o curso escolar ían ensaiando as melodías, coñecendo os poetas e xuntábanse nun día cheo de actividade cultural que remataba nun gran concerto que cada ano contaba cunha participación duns 500 nenos e nenas.

Desde entón celebráronse sete edicións que xuntaron máis de 2800 participantes de 34 entidades educativas musicais diferentes. Cantáronse máis de 30 cancións e os concertos remataron sempre co “Maio longo que xa se converteu en emblema desta iniciativa. A nivel musical, a proposta tiña tamén outro aliciente pois para cada edición encargábase unha composición musical, co que neste tempo tamén se foi configurando un pequeno repertorio para coros.

O proxecto colle o nome dunha frase do poema de Curros Enríquez a Rosalía, “No bico un cantar” e arrincou en Santiago con Rosalía como protagonista. A segunda edición trasladouse a Celanova co canto a Curros Enríquez e viaxou a Cangas en 2016 nos versos dos trobadores medievais, cunha parada en Cambados no ano 2015 para homenaxear a Ramón Cabanillas. En 2017 fixouse nos poetas mindonienses e, en 2018, nos alalás e transcorreu en Betanzos. En 2019 os nenos e nenas cantaron en Tui aos poetas transfronteirizos.