----

O Consello da Cultura Galega expresa o seu pesar polo pasamento de Alfonso Paz-Andrade

Afonso Paz-Andrade (Vigo, 1940-Gondomar, 2021) finou esta tarde en Vigo a consecuencia dun accidente de tráfico. O Plenario do Consello da Cultura Galega lamenta a inesperada perda de quen foi un dos seus membros entre 2010 e 2013.

Licenciado en Dereito pola Universidade de Santiago de Compostela, era fillo do histórico Valentín Paz-Andrade do que herdou o seu carácter empresarial e o seu compromiso coa cultura galega. O intelectual desenvolveu unha ampla actividade no ámbito da cultura en diferentes entidades. Foi socio fundador do Museo do Pobo Galego e do Instituto Galego da Información, pertenceu ás directivas da Fundación Castelao, da Fundación Xosé Neira Vilas, da Fundación Luís Seoane e da extinta Fundación Caixa Galicia. Actualmente dirixía a revista de pesca Industrias Pesqueras, fundada en 1927.

Como empresario situou Vigo nos círculos destacados no ámbito da industria do mar. Formou parte do equipo de Pescanova, empresa fundada por seu pai; da aseguradora La Naviera e, máis recentemente, Ibercisa.