Especialistas en dereito e en xestión cultural abordan nunha xornada os retos legais do sector

Contratar un espectáculo cultural ou concorrer a unha subvención poder ser procesos complexos. As esixencias da administración e as peculiaridades do sector cultural son realidades difíciles de conciliar. Diferentes especialistas no sector como Susana de la Sierra, Xabier Marcé, Miguel Martín, ou Carlos Amoedo entre moitos outros participarán mañá nunha cita que pretende buscar un punto de encontro. A xornada chámase “Dereito contra cultura?” e está organizada polo Consello da Cultura Galega (CCG). A presidenta da institución, Rosario Álvarez, será a encargada de inaugurar esta cita que ten o seu aforo cuberto pero que se pode seguir de maneira telemática a través do web da institución.

Carlos Amoedo e Xabier Campos son dous profesionais vencellados ao dereito e ao sector cultural, ambos os dous representan os dous bloques que centran esta cita que busca ofrecer solucións máis que poñer sobre a mesa a descrición das dificultades. A cita está organizada en tres mesas transversais e tres sectoriais, coa intención de impulsar unha liña de traballo que teña continuidade.

As mesas transversais
A xornada comeza cunha mesa que leva por título “Dereito contra cultura? Problemas e necesidades dunha relación conflitiva” e nela participan Carlos Amoedo Souto, director da Cátedra de Dereito Local da Universidade da Coruña e secretario xeral da Consellería de Cultura entre os anos 2005 e 2009; Isabel Novo Castro, letrada da Consellería de Cultura; e máis Juan Bautista Suárez Ramos, interventor adxunto da Deputación da Coruña.

A segunda das mesas reflexiona sobre “As leis sectoriais de contratación pública e propiedade intelectual” coa participación de Marcos Vaquer, catedrático de Dereito Administrativo esecretario xeral da Universidad Carlos III, xunto con Reyes Marzal Raga, profesora titular de Dereito Administrativo da Universitat de València.

A visión global remata coa mesa titulada “Subvencións públicas da cultura. Como, para que, para quen?” con Xavier Marcé, exdirector do ICIC e concelleiro de Cultura e Industrias Creativas da cidade de Barcelona, máis Miguel Martín, exdirector do IGAEM/AGADIC e da área de Cultura do Concello da Coruña.

As mesas sectoriais
As mesas sectoriais atenderán as especificidades dos grandes sectores culturais. En primeiro lugar o do “Libro e edición”, mesa que contará coa participación de Isabel Blanco, directora da Rede de Bibliotecas Municipais do Concello da Coruña e de Henrique Alvarellos, escritor, editor e presidente da Asociación Galega de Editora.
A segunda das mesas abordará a situación do audiovisual con Susana de la Sierra, profesora titular da Universidad de Castilla La Mancha e exdirectora do ICAA; Manuel González, exdirector da Axencia Audiovisual Galega, e Felipe Lage, produtor audiovisual e e presidente de AGAPI. Pecha programa Belén Bermejo, doutora en Dereito e xestora cultural, e Emi Candal, directora de Urdime e portavoz da Sectorial de Cultura de Espazocoop, que falarán da situación das artes ao vivo.

Outras noticias que che poden interesar: