NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega celebra o anuncio da difusión pública dos códices das “Cantigas de Santa Maria”

“É unha boa noticia porque permite poñer ao alcance de todo o mundo patrimonio moi relevante para a historia e a cultura galega, hispánica e universal” apuntou o Consello da Cultura Galega perante o anuncio de que Patrimonio Nacional poñerá en rede os dous códices que faltaban das “Cantigas de Santa Maria”.

O anuncio, confirmado por Patrimonio Nacional que nos vindeiros días concretará os detalles, chega despois de que a Real Academia Galega emitise unha declaración pública na que lle reclamaba o acceso libre e a través da Rede do “Códice Rico” e do “Códice dos Músicos”. Son os dous códices que se conservan na Real Biblioteca de San Lorenzo de El Escorial e os que faltaban de acceso público. Os outros códices xa estaban dixitalizados e de acceso libre e gratuíto a través de internet. O “Códice de Toledo” está na Biblioteca Nacional de España mentres que o “Florentino” está na Biblioteca Nacional Central de Florencia (Italia) e en ambos os dous casos dispoñibles desde os sitios web destas institucións.

Un anuncio que facilitará unha liña de traballo
O Consello da Cultura Galega congratúlase co anuncio, que contribuirá a facilitar unha liña de traballo continuada da institución desde o ano 2003. Foi nese momento cando realizou unha edición do Códice de Toledo, o menos coñecido dos catro manuscritos. Aquela publicación chegou como resposta a unha demanda de reprodución fotográfica de calidade, que facilitase a consulta e estudo deste manuscrito nas súas distintas facetas. Ante a gran demanda, cinco anos despois, o CCG realizou unha segunda edición. En 2010 volveu sobre a obra cunha transcrición, estudo preliminar e notas a cardo da profesora Martha E. Schaffer, unha auténtica especialista que levaba anos estudando as cantigas.

Ademais, da man do músico, musicólogo e medievalista Antoni Rossell, o CCG editou en 2006 unha versión vocal das Cantigas de Santa María nun CD con múltiples colaboracións. Este disco foi o resultado dun intenso traballo de cinco anos que xuntou a investigadores de diferentes universidades europeas, actores, músicos e intérpretes. Constituíu un proxecto de reconstrución musical, arqueolóxica e lingüística que achegaron unha interpretación das Cantigas diferente.
A última das accions nesta liña está actualmente en marcha. Cando se cumpren 800 anos do nacemento do Rei Sabio, o Consello da Cultura galega volveu poñer o foco en Afonso X, cun proxecto expositivo titulado “Afonso X e Galicia” no que amosa a conexión do rei con Galicia.