Especialistas poñen de manifesto a vulnerabilidade na atención sanitaria

A pandemia puxo de manifesto a complexidade do coidado, que todos somos vulnerables e que cómpre non perder o aprendido neste tempo. Son as principais conclusións da xornada “A vulnerabilidade na encrucillada. Pensadoras contemporáneas e experiencias no ámbito sanitario” que hoxe organizou o Consello da Cultura Galega (CCG). Matronas, enfermeiras e investigadoras de ámbitos que van desde a saúde ata a filosofía abordaron nas súas intervencións situacións de vulnerabilidade como o parto ou a atención sanitaria durante a pandemia. Todos os relatorios desta cita coordinada por Carme adán e María Xosé Agra foron gravadas e se poden consultar a través de internet.

Carme Adán é coordinadora da Sección de Pensamento do CCG e, xunto con María Xosé Agra, coordinou a cita titulada “A vulnerabilidade na encrucillada”. Na inauguración destacou que “hai que convivir coa vulnerabilidade e para iso hai que definila e coñecela, de aí a importancia de xornadas coma esta”. Pola súa parte, Agra definiu situacións concretas ao lembrar que “nestes últimos tempos vimos nais que pariron soas, mortes que foron ocultadas e doentes solitarios, o que nos fai poñer o foco na enfermidade, na saúde e na vulnerabilidade”.
O acercamento teórico ao concepto chegou con Fina Birulés, investigadora do Seminari Filosofia i Gènere-ADHUC e do Proxecto “Vulnerabilidade no pensamento filosófico feminino" da Universitat de Barcelona. Interveu por videconferencia e citou a recoñecidas filósofas como Judith Butler ou Hannah Arendt para entender e conceptualizar o que debemos entender por vulnerabilidade.

Desde o ámbito sanitario: o parto
Silvia Costa, doutora en Enfermaría, licenciada en Antropoloxía Social e Cultural e profesora titular en Enfermaría na Universitat de Barcelona, expuxo que a Covid veu dar a volta ao lugar hexemónico dos hospitais, que pasaron de ser os lugares de acubillo e onde sandaba a cidadanía para converterse en lugares vulnerables onde se podían contaxiar. “Convertéronse ademais en lugares de enfermidade onde non só se contaxiaban os enfermos, senón tamén o persoal sanitario, que pasou a ser un colectivo vulnerable” apuntou. No marco da súa intervención centrou o momento do parto, do que tamén falou Josefina Goberna, investigadora principal do Proxecto “Vulnerabilidade no pensamento filosófico feminino", secretaria de ADHUC e profesora do Departamento de Enfermaría da Saúde Pública, Saúde Mental e Maternoinfantil da Universitat de Barcelona.

María Jesús Movilla Fernández, profesora na Facultade de Enfermaría e Podoloxía da Universidade da Coruña e vicerreitora do Campus de Ferrol, explicou a situación do parto desde un punto de vista práctico. Definiuno de “vulnerabilidade compartida” entre enfermeiras e pacientes. Presentou os resultados dunha investigación que estaba encamiñada a coñecer a situación perante embarazos que non chegan a termo. Un contexto que no se aprecian comportamentos evitativos tanto desde o persoal sanitario (que non sabe como abordar a situación e acode a habitación da paciente o estritamente imprescindible) como da nai. “Analizamos o pouco recoñecemento social no proceso no que a maternidade non chegaba a termo no que as nais calan porque pensan que compartilo e algo feo e debe ser algo intimo”. Na súa investigación descubriu que “a perda non esta construída no ámbito sanitario. As respostas de dor non están recoñecidas... é un do non autorizado”. A investigación veu a demostrar que “é a perda dun fillo proxectado, que se planifica no pensamento desde o momento en que a muller sabe que está embarazada” explicou. A análise puxo tamén de manifestou que falta unha formación teórica, tempo e tamén espazos axeitados. “Trasladamos estes resultados para que se elabore un protocolo” explicou Movilla que asegura que “hai que repensar a formación que damos nas facultades e tamén o sistema sanitario”.

Sección de Pensamento
Esta xornada está organizada pola Sección de Pensamento do Consello da Cultura Galega, que coordina Carme Adán e que ten como membros a Nieves Herrero, Marta Lois e Juan Tallón, entre outros. No marco da actividade desta Sección revisouse a figura de personaxes destacados no mundo do pensamento e a súa conexión con Galicia, como foron Heidegger, Albert Camus, Karl Marx ou Hannah Arendt. No marco da súa programación organizan o ciclo “Pensamos” que cada cuarto xoves de mes convida a pensar sobre un tema de actualidade.

Outras noticias que che poden interesar: