O colectivo Romanarmy.eu constituíuse hai cinco anos co obxectivo de artellar novas metodoloxías e narrativas para o estudo da expansión do estado romano no noroeste peninsular (Galicia, Asturias, occidente de León e Zamora e norte de Portugal). Na primeira etapa de traballo caracterizáronse polo uso de técnicas e recursos propios da era dixital (fotografía aérea e por satélite, LiDAR aéreo, drons, sistemas de información xeográfica etc.) e por unha estrutura de traballo horizontal e democrática, que lles permitiu identificar e catalogar ducias de novos sitios arqueolóxicos que poden relacionarse coa presenza militar romana nestes territorios. A segunda etapa pasou pola escavación de varios destes asentamentos coa intención de entender mellor os ritmos da conquista e calibrar a resposta das comunidades indíxenas á chegada de Roma. Ese traballo deixou tras de si abondosa información arqueolóxica sobre a que se pode facer balance da experiencia e que poñen sobre a mesa na xornada de mañá.
A cita conta con tres relatorios. O primeiro deles é o de José Manuel Costa-García, do colectivo Síncrisis da Universidade de Santiago (USC) que explicará como se foron documentando as pegadas arqueolóxicas do exército romano na fin do mundo. O segundo é o de David González Álvarez, do Incipit da USC, que abordará as actitudes indíxenas fronte ao expansionismo romano no noroeste ibérico. O terceiro corre a cargo do xornalista e profesor Manuel Gago, que falará da divulgación arqueolóxica sobre a conquista romana. Trala súa intervención, os tres participarán nun debate moderado por César Parcero.
Un foro de debate e reflexión
Os “Encontros monográficos co Patrimonio Cultural” son unha proposta da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que pretenden poñer o foco sobre actuacións en marcha acerca de bens do patrimonio galego. Fanse con carácter periódico e pretenden participar tanto na caracterización dos bens como na formulación dos tipos de protección deses bens. Insírense nunha liña de traballo desta sección que busca xerar debate e difusión entre a cidadanía, as administracións e os profesionais arredor de bens patrimoniais sobre os que se estean a desenvolver actuacións. O Museo das Peregrinacións, o Camiño de Santiago, as fortificacións romanas ou as igrexas medievais centraron sesións anteriores destes encontros.