Unha xornada do Consello da Cultura Galega reflexiona sobre a ecoloxía e o feminismo

O Consello da Cultura Galega (CCG) organiza este luns 5 de xullo unha xornada que xunta as loitas feministas e as ecoloxistas. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, inaugurará esta cita titulada “Ecofeminismos”. Está coordinada por Luz Darriba e Alba María Rodríguez e conta coa participación de destacadas especialistas nestas materias como Adela Figueroa, Sabela Facal ou Yayo Herrero. No marco da xornada estrearase a videocreación “Unha faba unha vida” realizada por Ugía Pedreira e Marina Oural a partir dun espectáculo homónimo. As prazas están esgotadas pero pode seguirse en directo polo web da institución.

As coordinadoras desta cita anuncian no programa que a xornada busca motivar unha reposta contundente contra o sistema neoliberal. “Sen as mulleres como suxeitos activos o cambio non é posible. É imprescindible acurtar calquera distancia ideolóxica: despatriarcalizar o ecoloxismo e ecoloxizar o feminismo” aseguran. Ademais, achegan unhas reflexións para situar o debate que o cambio climático aumentou as fendas de xénero. “Nos países do sur son as principais produtoras de comida, traballan a terra, manteñen as sementes, colleitan os froitos e loitan pola auga. O 80 % da produción de alimentos é responsabilidade delas, as máis afectadas pola deforestación e a súa incidencia na agricultura, na recollida de leña, na xestión da auga. Son tamén as principais conservadoras dos bosques, malia non ser donas das terras que cultivan. Xestionan, para as súas familias, os recursos ambientais que garanten menos pobreza. Coidan de non explotalos ata o esgotamento” figura no programa.

Cinco relatorios destacados
A xornada arrinca cunha conferencia inaugural da catedrática de Filosofía Política da USC, María Xosé Agra, que fala de “Ecoloxía e feminismo: natureza e política”. De seguido terán lugar os tres relatorios centrais da xornada. O primeiro é o de Adela Figueroa Panisse, da directiva de ADEGA e do Padroado da Fundación Eira, que falará das mulleres nos movementos ecoloxistas. O segundo é o de Sabela Facal Granha, técnica en Saúde Ambiental, que se centrará no caso concreto da ecoloxía e muller no rural. Este núcleo central remata con “Mareas de afouteza”, relatorio da mariscadora e poeta Teresa Ramiro.

Yayo Herrero, consultora, investigadora e profesora nos ámbitos da ecoloxía política, ecofeminismos e educación para a sustentabilidade ofrecerá o relatorio de clausura titulado “Miradas ecofeministas para reverter a guerra contra a vida”.

Un traballo audiovisual
A cita remata coa estrea de “Unha faba unha vida”, proposta audiovisual que parte do espectáculo homónimo que Ugía Pedreira e Marina Oural manteñen desde o ano 2012. Unha peza de preto de vinte minutos de duración que funde a desnudez, a sagacidade e a forza da compositora da voz melódica de Ugia Pedreira coa poesia telúrica e valente, a declamación empática e o movemento de Marina Oural. Unha fusión para retomar a raíz: a casa, o universal máis íntimo. Unha ten o mar Cantábrico como fonte infinita de inspiracion, a outra ten a aldea como fonte de sabiduría e as dúas comparten A Mariña no corpo.

O Cento de Documentación en Igualdade e Feminismos
O Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos (CDIF) recolle o traballo feito pola Comisión de Igualdade desde o ano 2006. Entre os seus obxectivos está incrementar a visibilización e contribuír a fortalecer a presenza e achegas das mulleres á cultura galega; ser un lugar de consulta do material relativo ás mulleres na sociedade. Este centro, que é o cuarto arquivo do CCG, fortalece a acción en materia de igualdade e permitirá o estudo, documentación e recuperación da memoria das mulleres e as súas produción e aplicar un enfoque feminista en todo o relativo á cultura e á realidade social vivida en Galicia. Está dirixido por María Xosé Porteiro e conta na súa comisión con figuras relevantes dos estudos de xénero no noso país.

Outras noticias que che poden interesar: