NOTICIA

----

As xornadas 'Mulleres rurais' reclaman unha maior visibilización da súa realidade nas estatísticas e nas políticas do Estados

Onte presentáronse as conclusións da xornada 'Mulleres rurais. Unha ollada desde Galicia e América Latina', xa cal se celebraran as conferencias o 1 de xuño. A xornada, organizada polo Centro de Documentación en Igualdade e Feminismos do Consello da Cultura Galega (CDIF) e a Valedoría do Pobo de Galicia, reuniu a destacadas expertas do país e de varios estados latinoamericanos para "intercambiar coñecementos, boas prácticas, ideas e propostas" en relación á realidade das mulleres rurais. Na presentación das conclusións participaron Rosario Álvarez, presidentas do Consello da Cultura Galega, e María Xosé Porteiro, vogal da Comisión Executiva e coordinadora do CDIF.

As conclusións destacaron a necesidade de cuantificar de maneira específica as achegas das mulleres rurais "ás tarefas domésticas e o que implica para o mantemento das estruturas sociais e de cada país", e deste xeito deseñar políticas propias para a mellora da complexa situación da actualidade. Segundo as relatoras, a ausencia de estatísticas propias contribúe á invisibilización e marxinalización do conxunto das mulleres e á falta de conciencia con respecto á súa situación.

"Deben facerse programas de discriminación positiva específicos e especiais para estes colectivos. Non é verdade que unha talla única sirva para todas as poboacións". Con todo, as expertas consideran que aínda que nalgúns casos esas leis si existen, "teñen pouca aplicación na vida práctica das mulleres, tanto no tema da exclusión da muller rural como no enfoque da violencia de xénero".