O Consello da Cultura Galega pon na rede unha edición facsimilarVindicación. Vida e milagros de Pepe de Xan Baña

O Consello da Cultura Galega puxo a disposición pública en Internet o libro Vindicación. Vida e milagros de Pepe de Xan Baña en trinta anos de Cuba, do emigrante de Santa Comba Xosé Baña Pose. Este volume foi publicado orixinalmente en 1921 en La Habana, co obxectivo de ser repartido entre os veciños xalleiros na seguinte viaxe do escritor. O libro conta cun estudo introdutorio do profesor da Universidade de Vigo Xosé Henrique Costas González, no que se analizan as particularidades da lingua galega empregada na publicación e está editado na colección Clásicos da Emigración do Consello da Cultura Galega coa colaboración da Secretaría Xeral de Emigración da Xunta de Galicia.

Xosé Baña Pose (Varilongo, Santa Comba, 1872- A Habana, 1945) foi un emigrante autodidacta, poeta popular e articulista. A súa sona como versificador continúa hoxe en día, onde algúns dos seus poemas seguen a ser lembrados entre a veciñanza de Xallas, Soneira e Bergantiños. Vindicación é unha miscelánea de textos con dúas partes ben diferenciadas. Na primeira, detense de maneira singular na biografía de Curros Enríquez, a quen o autor tratou, achegando detalles moi próximos sobre a vida do escritor e os seus conflitos cos dirixentes da colectividade galega de Cuba. Na segunda, onde aparecen os textos en lingua galega, os textos son un canto á súa terra, paisanos e toponimia, combinado cunha especie de autobiografía na que alterna diferentes tipos de documentos con poemas. O seu galego, segundo Henrique Costas, "ten vontade popular e é rico en matices" e presenta destacados trazos dialectais das comarcas do interior da provincia da Coruña.

Colección Clásicos da emigración

“La emigración en Galicia” publicada por Ramón Castro López en 1923 foi o punto de apertura dunha colección de libros que, baixo o título Clásicos da emigración, pretende ofrecer un reflexo fiel do que supuxo a emigración galega tanto para aqueles que a viviron desde os seus países de destino como para os que os viron marchar.
A colección está integrada por unha ducia de títulos de diferentes xéneros que hoxe en día son difíciles de atopar en bibliotecas ou librarías, e que así poden ser máis accesibles para o público investigador, mais tamén para calquera persoa interesada no tema. Reúne as distintas perspectivas que marcaron un dos fenómenos demográficos máis importantes dos últimos séculos en Galicia a través de obras que abranguen tanto ensaios como literatura de ficción ou biografías, entre outros xéneros, escritos entre principios do século XX e os anos 60, aproximadamente. Cada un dos volumes está prologado por un especialista contemporáneo na materia, como Ramón Villares, Pilar Cagiao ou Raúl Soutelo, entre outros.

Arquivo da Emigración Galega

O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Pilar Cagiao, Anxo Lugilde, Antía Perez ou Luís Domínguez.

Descarga da publicación
A publicación está dispoñíble baixo libre descarga gratuíta no web do Consello da Cultura Galega.