NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega lembra o centenario da Misión Biolóxica de Galicia nun especial

A Misión Biolóxica de Galicia foi unha institución científica fundamental para a modernización e mellora do sector agrogandeiro galego no século XX. Esta misión contou con importantes científicos e membros do ámbito cultural e universitario como Cruz Gallástegui, ou Osorio Tafall. Hoxe ,15 de xullo, o Centro Superior de Investigacións Científicas (CISC) celebra en Salcedo (Pontevedra) o acto oficial de celebración do centenario desta entidade. Unha efeméride á que o Consello da Cultura Galega (CCG) contribúe cun especial web que xunta as biografías de destacados membros que a conformaron e que están no Álbum de Galicia. Acompáñase cun artigo contextualizador de Francisco Díaz-Fierros, catedrático emérito de Edafoloxía da USC.

Foi o lugar onde se desenvolveron numerosas investigacións científicas para coñecer virus que afectaban aos cultivos galegos, nomeadamente as patacas; mellorar xeneticamente o millo; ou onde se realizaron ensaios para mellorar a raza porcina do país.... foi o gran centro para renovar o noso agro e a nosa gandeiría. A Misión Biolóxica de Galicia cumpriu cen anos o pasado 1 de abril e o celebra hoxe cun acto na súa sede no Pazo de Salcedo en Pontevedra ao que asiste a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, xunto cunha nutrida representación de autoridades do CSIC, do goberno, da Xunta.

A Misión Biolóxica de Galicia (MBG)
Fundouse o 1 de abril de 1921 por iniciativa da Junta de Ampliación de Estudios e Investigaciones Científicas (JAE), entidade relevante no desenvolvemento científico e cultural de España ata a súa desaparición en 1936. Trala Guerra Civil a Misión Biolóxica pasou a constituírse como un centro de investigación do Consejo Superior de Investigaciones Científicas (CSIC) onde permanece ata hoxe.
Os seus cometidos fundacionais pasaban por realizar investigacións e traballos de bioloxía aplicados á agricultura e gandeiría do país. Cruz Gallástegui foi o seu primeiro director e nesta etapa centrouse na obtención de variedades vexetais e gando porcino de boa calidade, e na transmisión destes coñecementos ao sector.
A partir de 1930 os traballos da MBG se centraron na mellora xenética do millo e na obtención de variedades de castaño resistentes á tinta (unha das súas principais enfermidades), esta última liña consolidada por Ernesto Vieitez. Nesta época tamén se encargaron dos estudos e mellora xenérica do porco, coa introdución e mellora da raza porcina inglesa Large White.

Na década de 1940 a MBG consolidou as súas primeiras liñas de investigación sobre a mellora xenética vexetal, animal e fisioloxía. A xubilación de moitos dos seus investigadores e o traslado doutro fixeron que entre 1960 e 1973 se pecharan algunhas liñas de investigación. Mantívose a sección de Química Agrícola, baixo a dirección de Benito Sánchez, que iniciou o estudo dos solos agrícolas das provincias de Ourense e Pontevedra. As investigacións sobre xenética vexetal sufriron un parón ata que, a partir de 1973, Amando Ordás retomou a liña de investigación de mellora xenética de millo, comezando a recolección de variedades locais de millo e o inicio de programas de selección e mellora.

A partir de 1980 abríronse novas liñas de investigación con novos programas baseados en máis cultivos de importancia para Galicia: as legumes, as brásicas e a vide. Actualmente a MBG se dedica á investigación agraria e forestal, ocupándose dos principais cultivos e especies leñosas do país.

Algúns nomes para a historia deste centro
O especial reúne algunhas entradas biográficas de distintas personalidades que formaron parte desta entidade. Destaca a de Cruz Gallástegui (Vergara, 1891-Pontevedra, 1960), enxeñeiro agrónomo de raizame vasca formado en Bioloxía aplicada en Francia, Alemaña e Estados Unidos e que foi pioneiro en Europa en experimentar cos híbridos do millo e grande impulsor da mellora e da modernización da agricultura galega. Tan implicado estivo na dirección da Misión Biolóxica de Galicia que en palabras de Antonio Odriozola, “a súa biografía é a biografía deste centro de investigación”.
Outra das figuras que aparece é a de Osorio-Tafall (Salcedo, 1902-México 1990). Foi un destacado biólogo e profesor de Ciencias Naturais, político de longo percorrido e de fidelidade republicana que se exiliou a México trala guerra civil. Desempeñou altos cargos de asesor e diplomático en organismos internacionais de tan alta responsabilidade como a FAO ou a ONU. Figura aquí porque entre 1930 a 1936 estivo vinculado á Misión Biolóxica de Galicia, da que chegou a ser secretario desde 1934. Ademais, en colaboración con Cruz Gallástegui, estudou as enfermidades viróticas que afectan ao cultivo das patacas.

Jesús Andreu (Ejea de los Caballeros, 1882-) foi un dos que máis apoiou ao asentamento da Misión Biolóxica en Salcedo, animando neste sentido á Deputación de Pontevedra. Desde entón mantivo unha colaboración fluída con Gallástegui, sendo un constante fiador deste centro, especialmente cando ocupou postos políticos en Madrid. Desde o ministerio procurou máis dunha vez apoio orzamentario para a Misión e os seus proxectos, tan necesitados sempre de seguridade económica. Ademais, mentres estivo en Pontevedra, traballou decote coa Misión nos seus diferentes proxectos, como pode apreciarse polas súas colaboracións no Boletín do Sindicato de Productores de Semillas. Con todo, a súa gran contribución científica na Misión Biolóxica foi ser promotor da mellora gandeira coa mellora xenérica do porcino, baseado no cruce xeneralizado da raza do país coa Large-White. Unha investigación na que tivo moito que ver Miguel Odriozola (Vitoria, 1903 - Madrid, 1974). Foi bolseiro da Misión Biolóxica, nun momento de expansión institucional deste centro tralo traslado definitivo da súa sede en Santiago de Compostela ata o Pazo de Salcedo pontevedrés. Desde 1933 estivo adscrito como enxeñeiro agregado á Granxa Agrícola coruñesa, pero o director do recentemente creado Instituto de Investigaciones Agrarias, do que dependía a Misión, permitiulle continuar desenvolvendo o seu traballo.

Pola súa banda, o enxeñeiro agrónomo Ramón Blanco foi, xunto con Miguel Odriozola, o máis activo e permanente colaborador con que contou Gallástegui Unamuno á hora de levar adiante as súas investigacións, así como un dos máis brillantes. Non sempre traballou directamente no propio centro pero mantivo un contacto case permanente cos proxectos da Misión Biolóxica. Foi seguramente o primeiro en traballar con Gallástegui cando a Misión aínda estaba en Santiago de Compostela, a comezo dos anos vinte. Blanco e Gallástegui formaron nesta década un grupo de enfocado aos problemas de mellora agrícola cunha clara inclinación americana nos seus postulados.
Outro dos nomes que aparece é o de Ernesto Viéitez Cortizo, destacado especialista que consolidou unha liña centrada na obtención de variedades de castaño resistentes á tinta, unha das súas principais enfermidades.