RESOLUCIÓN do 1 de xullo de 2021 pola que se aproban as bases que rexerán a convocatoria pública de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid

Convocatoria Bolsas Casa Velázquez 2021

O artigo 6 da Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega, establece que lle compete ao Consello da Cultura Galega investigar e valorar as necesidades culturais do pobo galego.

Dentro do plan de actividades do Consello da Cultura Galega para o ano 2021 figura a convocatoria pública de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid para colaborar en proxectos de investigación e creación sobre a cultura galega.

O seu outorgamento enmárcase nas funcións atribuídas ao Consello da Cultura Galega na Lei 8/1983, do 8 de xullo, do Consello da Cultura Galega, que desenvolve o artigo 32 do Estatuto de autonomía.

Consulta aquí a convocatoria



RESOLVO:

Primeiro. Convocatoria e bases reguladoras

Aprobar as bases reguladoras, que se inclúen como anexo I, polas que se rexerá a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de dúas (2) bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid para colaborar en proxectos de investigación e creación sobre a cultura galega durante o ano 2021.

Segundo. Solicitudes

a) Para poder ser persoa beneficiaria das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican na base reguladora 6.

b) As solicitudes deberán presentarse na forma e no prazo establecidos na base 5 da convocatoria.

Terceiro. Prazo de duración do procedemento de concesión

Unha vez rematado o prazo para a presentación de solicitudes, estas serán tramitadas e valoradas de acordo co procedemento establecido nas bases reguladoras.

O procedemento de concesión non poderá ter unha duración superior aos cinco meses, que empezarán a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia. Se transcorre o prazo máximo para resolver sen que recaia resolución expresa, as persoas interesadas poderán entender desestimadas as súas solicitudes por silencio administrativo.

Cuarto. Información ás persoas interesadas

a) Sobre este procedemento administrativo poderase obter documentación normalizada ou información adicional a través dos seguintes medios:

b) Sede electrónica da Xunta de Galicia (https: sede.xunta.gal).

c) Páxina web oficial do Consello da Cultura Galega (http://www.consellodacultura.gal).

d) Teléfono 981 95 72 02 ou enderezo electrónico rexistro@consellodacultura.gal

e) Presencialmente: Consello da Cultura Galega. Pazo de Raxoi, 2º andar; praza do Obradoiro; 15705 Santiago de Compostela.

f) Para dúbidas referidas a dificultades técnicas relacionadas coa presentación de formularios por vía electrónica, poderán facer as súas consultas no teléfono de información 012 ou no correo electrónico 012@xunta.gal

Quinto. Réxime de recursos

Esta resolución pon fin á vía administrativa e contra ela poderán interpoñerse os seguintes recursos, sen prexuízo de que as/os interesadas/os poidan exercer calquera outro que consideren procedente:

a) Recurso potestativo de reposición ante a persoa titular da Presidencia do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

b) Recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do contencioso-administrativo de Santiago de Compostela, no prazo de dous meses, que empezarán a contar desde o día seguinte ao da publicación da resolución.

Disposición derradeira única. Entrada en vigor

Esta resolución entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021

Rosario Álvarez Blanco
Presidenta do Consello da Cultura Galega

ANEXO I

Bases reguladoras para a concesión, en réxime de concorrencia competitiva, de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid para colaborar en proxectos de investigación e creación sobre a cultura galega durante o ano 2021

Primeira. Obxecto e destinatarios

Esta resolución ten como obxecto o establecemento das bases reguladoras e as condicións que rexerán a convocatoria de dúas bolsas de estadía na Casa de Velázquez en Madrid (unha de investigación e outra de creación) e que se inclúen como anexos a esta resolución (código de procedemento PR970A).

Nos anexos II e III a esta resolución detállanse os requisitos específicos que deben reunir as persoas solicitantes, coa finalidade de contribuír á especialización na súa formación académica, profesional e investigadora.

As bolsas reguladas nesta resolución concederanse en réxime de concorrencia competitiva e baixo os principios de publicidade, obxectividade, transparencia, igualdade, non discriminación, eficacia e eficiencia.

Para poder ser beneficiaria/o das bolsas deberá presentarse unha solicitude axustada ao modelo normalizado que se inclúe como anexo IV desta resolución, que irá acompañada dos documentos que se especifican na base 6 da convocatoria.

Segunda. Contía das bolsas e dotación orzamentaria

A contía das bolsas, por todos os conceptos, será de 1.100 euros mensuais. Esta cantidade estará suxeita ás retencións que procedan, de conformidade co establecido no Real decreto 439/2007, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento do imposto sobre a renda das persoas físicas, así como ao réxime de cotización establecido no Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, en desenvolvemento do previsto na disposición adicional terceira da Lei 27/2011, do 1 de agosto, sobre actualización, adecuación e modernización do sistema da Seguridade Social.

O Consello da Cultura Galega financiará estas bolsas con cargo ás aplicacións orzamentarias 03.01.111D.480.0 e 03.01.111D.480.4 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2021, por un importe máximo total de seis mil seiscentos euros (6.600,00 €), que se destinarán ao pagamento das mensualidades das persoas bolseiras e das cotas da Seguridade Social, respectivamente.

A distribución entre as dúas aplicacións faise con base no recollido na Orde TMS/83/2019, do 31 de xaneiro, pola que se desenvolven as normas legais de cotización á Seguridade Social, desemprego, protección por cesamento de actividade, Fondo de Garantía Salarial e formación profesional para o exercicio 2019 (BOE núm. 29, do 2 de febreiro), segundo o disposto no artigo 19.1 do texto refundido da Lei xeral da Seguridade Social, aprobado polo Real decreto lexislativo 8/2015, do 30 de outubro, e o artigo 119, no que se establecen as bases e tipos de cotización á Seguridade Social durante o ano 2021, da Lei 11/2020, do 30 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2021 (BOE núm. 341, do 31 de decembro de 2020).

Pola súa parte, a Casa de Velázquez asumirá os gastos de hospedaxe. Proporcionaralles aos/ás bolseiros/as, ademais, tarifas preferenciais (boursier) para os gastos de mantemento na cafetaría da Casa de Velázquez. Igualmente, ofreceralles a posibilidade de empregar os espazos de traballo e documentación da Casa de Velázquez. Do mesmo modo, poderán participar nas actividades de investigación e creación da Casa de Velázquez.

Terceira. Duración

As actividades iniciaranse coa incorporación da persoa seleccionada, tal e como dispón a base décimo terceira desta convocatoria. A duración de cada unha das bolsas será de tres (3) meses e a data estimada de comezo é o 15 de setembro de 2021 e a de remate, en calquera caso, o 30 de decembro de 2021. A data de incorporación ao centro establecerase na notificación da adxudicación da bolsa.

As persoas que non se incorporen no prazo establecido perderán os dereitos inherentes á bolsa concedida, agás causa xustificada de atraso apreciada pola Presidencia do Consello da Cultura Galega.

Cuarta. Requisitos xerais

Poderán solicitar estas bolsas ou ser beneficiarias/os delas as persoas en que non concorra ningunha das circunstancias especificadas no artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e sempre que reúnan, ademais dos requisitos específicos que para cada bolsa se sinalen nos anexos desta resolución, os seguintes requisitos xerais, que deberán posuír no momento de rematar o prazo de presentación de solicitudes:

a) Posuír a nacionalidade española ou ser nacional dun país membro da Unión Europea.

b) Estar en posesión da titulación requirida para a bolsa para a cal presente solicitude. A persoa solicitante deberá estar en posesión do título ou acreditar o pagamento dos dereitos para a súa expedición ao remate do prazo de presentación de solicitudes e ter rematados os estudos conducentes a el no curso académico 2009/10 ou posterior.

c) Acreditar o coñecemento da lingua galega no nivel de perfeccionamento ou Celga 4, agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciatura en Filoloxía Galega ou graos equivalentes.

d) Non resultar persoa beneficiaria dunha bolsa de colaboración convocada polo Consello da Cultura Galega en convocatorias anteriores durante un prazo superior a 12 meses.

e) Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

Os e as solicitantes que cursasen os seus estudos en universidades non pertencentes ao Sistema universitario de Galicia e posúan certificación académica nun idioma distinto do galego ou do castelán deberán xuntar a correspondente tradución xuramentada. A certificación do expediente académico indicará a data de iniciación e remate dos estudos, os créditos superados e as cualificacións obtidas. Deberá axustarse aos criterios estatais, tanto aos do Real decreto 1125/2003, do 5 de setembro, polo que se establece o sistema europeo de créditos e o sistema de cualificacións nas titulacións universitarias de carácter oficial e validez en todo o territorio nacional (BOE núm. 224, do 18 de setembro), como aos que deben incluírse no suplemento europeo ao título (SET); e a nota media do expediente académico calcularase de acordo cos parámetros fixados pola devandita Resolución do 15 de setembro de 2011.

Quinta. Presentación de solicitudes e prazo

A capacidade técnica e formación das persoas ás cales van dirixidas estas bolsas permítenlles o acceso e dispoñibilidade dos medios electrónicos necesarios para relacionarse por este medio co sector público autonómico. Por tanto, ao abeiro do artigo 14.2 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e do artigo 10.2 e 3 da Lei 4/2019, do 14 de xullo, de administración dixital de Galicia, as solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia,
https://sede.xunta.gal

As solicitudes presentaranse obrigatoriamente por medios electrónicos a través do formulario normalizado dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia, https://sede.xunta.gal

De conformidade co artigo 68.4 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, se algunha das persoas interesadas presenta a súa solicitude presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación da solicitude aquela en que fose realizada a emenda.

Para a presentación electrónica poderá empregarse calquera dos mecanismos de identificación e sinatura admitidos pola sede electrónica da Xunta de Galicia, incluído o sistema de usuario e clave Chave365 (https://sede.xunta.gal/chave365).

O prazo de presentación de solicitudes e da documentación sinalada na base sexta será dun (1) mes, que empezará a contar a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. Para estes efectos, entenderase como último día do prazo o correspondente ao mesmo ordinal do día da publicación. Se o último día do prazo for inhábil, entenderase prorrogado ao primeiro día hábil seguinte.

No anexo IV (solicitude) inclúense as seguintes declaracións responsables:

a) Declaración de non atoparse incursa/o en ningunha clase de inhabilitación para a obtención de axudas previstas nos puntos 2 e 3 do artigo 10 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

b) Declaración responsable de estar ao día no pagamento das obrigas por reintegro de subvencións, conforme o artigo 10.2.g) da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e o artigo 9 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Declaración responsable da persoa solicitante de estar ao día no cumprimento das obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social e de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co artigo 11 do Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

d) Declaración responsable das axudas ou de bolsas solicitadas ou concedidas polas administracións públicas, ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades para o mesmo período.

e) Declaración conforme non resultou persoa beneficiaria dunha bolsa de colaboración convocada polo Consello da Cultura Galega en convocatorias anteriores durante un prazo superior a 12 meses.

Sexta. Documentación complementaria

As persoas interesadas deberán achegar xunto coa solicitude a seguinte documentación:

a) Certificación académica oficial completa (non extracto de expediente virtual), en que que se fará constar a nota media do expediente académico da titulación, obtida de acordo co establecido na base cuarta e) desta resolución. Os titulados que accederon a estudos de 2º ciclo desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar, ademais, a certificación dese 1º ciclo, igualmente con expresión da nota media do expediente académico.

b) Documentación acreditativa dos requisitos específicos.

c) Certificación do Celga 4 ou perfeccionamento da lingua galega (copia), agás os que acrediten estar en posesión do título de licenciado/a en Filoloxía Galega ou graos equivalentes. Se este documento foi expedido pola Xunta de Galicia, achegarase copia só no caso de que a persoa interesada se opoña expresamente á súa consulta no anexo de solicitude. Tamén deberá achegarse copia no caso de ser expedido polo centro de estudos onde o/a solicitante cursou os estudos de bacharelato, é dicir, naqueles casos en que non foi expedido pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

d) Relación de méritos puntuables da persoa solicitante da bolsa, cubrindo o anexo V das bases reguladoras, xunto coa documentación acreditativa dos requisitos específicos e méritos alegados.

A experiencia laboral acreditarase a través da copia dos contratos de traballo, ou ben a través de copia de certificado expedido polo organismo onde se realizaron as prácticas.

e) Memoria explicativa do proxecto de investigación que presenta para a obtención da bolsa, elaborada segundo se especifica no anexo II.

f) Memoria explicativa do proxecto de creación artística, elaborada segundo se especifica no anexo III.

A documentación complementaria deberá presentarse electronicamente.

Se algunha das persoas interesadas presenta a documentación complementaria presencialmente, requiriráselle para que a emende a través da súa presentación electrónica. Para estes efectos, considerarase como data de presentación aquela en que fose realizada a emenda.

As persoas interesadas responsabilizaranse da veracidade dos documentos que presenten. Excepcionalmente, cando a relevancia do documento no procedemento o exixa ou existan dúbidas derivadas da calidade da copia, a Administración poderá solicitar de maneira motivada o cotexo das copias achegadas pola persoa interesada, para o que poderán requirir a exhibición do documento ou da información orixinal.

Sempre que se realice a presentación de documentos separadamente da solicitude, deberase indicar o código e o órgano responsable do procedemento, o número de rexistro de entrada da solicitude e o número de expediente, se se dispón del.

No caso de que algún dos documentos que haxa que presentar de forma electrónica supere os tamaños máximos establecidos ou teña un formato non admitido pola sede electrónica da Xunta de Galicia, permitirase a presentación deste de forma presencial dentro dos prazos previstos e na forma indicada no número anterior. A información actualizada sobre o tamaño máximo e os formatos admitidos pode consultarse na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Sétima. Comprobacións de datos

Para a tramitación deste procedemento consultaranse automaticamente os datos incluídos nos seguintes documentos en poder da Administración actuante ou elaborados polas administracións públicas, agás que a persoa interesada se opoña á súa consulta:

– DNI ou NIE da persoa solicitante ou representante.

– Títulos oficiais universitarios.

– Títulos oficiais non universitarios.

– Certificación de coñecemento da lingua galega Celga 4 ou equivalente, cando sexan expedidos pola Secretaría Xeral de Política Lingüística.

– Certificación de estar ao día no pagamento de obrigas coa Axencia Estatal da Administración Tributaria.

– Certificación de non ter débedas contraídas coa Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

– Certificación de non ter débedas contraídas coa Axencia Tributaria da Comunidade Autónoma de Galicia.

– Consulta de vida laboral dos últimos 5 anos.

No caso de que as persoas interesadas se opoñan á consulta, deberán indicalo no recadro habilitado no formulario correspondente e achegar os documentos.

Cando así o exixa a normativa aplicable, solicitarase o consentimento expreso da persoa interesada para realizar a consulta.

Excepcionalmente, no caso de que algunha circunstancia imposibilitara a obtención dos citados datos, se poderá solicitar as persoas interesadas a presentación dos documentos correspondentes.

Oitava. Trámites administrativos posteriores á presentación de solicitudes

Todos os trámites administrativos que as persoas interesadas deban realizar tras a presentación da solicitude deberán ser efectuados electronicamente accedendo á Carpeta cidadá da persoa interesada dispoñible na sede electrónica da Xunta de Galicia.

Novena. Notificacións

As notificacións de resolucións e actos administrativos practicaranse só por medios electrónicos, nos termos previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

De conformidade co artigo 45.2 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as notificacións electrónicas practicaranse mediante a comparecencia na sede electrónica da Xunta de Galicia e a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal. Este sistema remitirá ás persoas interesadas avisos da posta á disposición das notificacións á conta de correo e/ou teléfono móbil que consten na solicitude. Estes avisos non terán, en ningún caso, efectos de notificación practicada e a súa falta non impedirá que a notificación sexa considerada plenamente válida.

De conformidade co artigo 47 da Lei 4/2019, do 17 de xullo, de administración dixital de Galicia, as persoas interesadas deberán crear e manter o seu enderezo electrónico habilitado único a través do Sistema de notificación electrónica de Galicia-Notifica.gal, para todos os procedementos administrativos tramitados pola Administración xeral e as entidades instrumentais do sector público autonómico. En todo caso, a Administración xeral e as entidades do sector público autonómico de Galicia poderán, de oficio, crear o indicado enderezo, para os efectos de asegurar o cumprimento por parte das persoas interesadas da súa obriga de relacionarse por medios electrónicos.

As notificacións entenderanse practicadas no momento en que se produza o acceso ao seu contido, entendéndose rexeitada cando transcorresen dez días naturais desde a posta á disposición da notificación sen que se acceda ao seu contido.

Se o envío da notificación electrónica non é posible por problemas técnicos, practicarase a notificación polos medios previstos na normativa reguladora do procedemento administrativo común.

Porén, por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido no artigo 45, punto 1.b) da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, as notificacións cos requirimentos de emenda, coas puntuacións provisionais e coas correccións de erros previos á resolución desta convocatoria, se as houber, realizaranse mediante publicación na páxina web do Consello da Cultura Galega (www.consellodacultura.gal).

Décima. Instrución

O órgano instrutor do procedemento será a Xerencia do Consello da Cultura Galega.

Despois de rematar o prazo de presentación de instancias, a Xerencia do Consello da Cultura Galega revisará as solicitudes recibidas e a documentación achegada. No suposto de que as solicitudes estean incompletas, conteñan erros ou non acheguen toda a documentación acreditativa, a persoa solicitante poderá ser requirida para que, nun prazo de dez (10) días, emende a falta ou acompañe os documentos preceptivos, con indicación de que, se así non o fixer, se terá por desistente da súa petición de bolsa e arquivarase o seu expediente na forma e termos indicados no artigo 68 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Non serán obxecto de requirimento os documentos acreditativos dos méritos alegados no currículo.

Por tratarse dun procedemento de concorrencia competitiva, e de conformidade co establecido na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, os citados requirimentos de emenda realizaranse mediante publicación na páxina web do Consello da Cultura Galega (www.consellodacultura.gal).

A avaliación das solicitudes efectuaraa unha comisión de valoración, conforme os criterios establecidos nesta convocatoria e, supletoriamente, os preceptos contidos na Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, e na sección 3ª do capítulo I, título I, da Lei 16/2010, do 17 de decembro, de organización e funcionamento da Administración xeral e do sector público autonómico de Galicia.

A comisión de valoración estará integrada polos seguintes membros:

– Presidente/a: un membro da Comisión Executiva do Consello da Cultura Galega.

– Vogais: tres persoas especialistas nos ámbitos de coñecemento para os cales se convocan as bolsas, dos que dous serán membros da Casa de Velázquez en Madrid.

– Secretario/a: o/a secretario/a do Consello da Cultura Galega.

A composición da comisión de valoración farase pública na páxina web do Consello da Cultura Galega (http://www.consellodacultura.gal).

Se, por calquera causa, no momento en que a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún ou algunha dos/das compoñentes non pode asistir, será substituído/a pola persoa que, para os efectos, se nomee.

Se ningunha das persoas candidatas presentadas resulta idónea, a comisión de valoración poderá establecelo así no seu informe.

Décimo primeira. Criterios xerais de selección

A) Criterios xerais de valoración das solicitudes.

A comisión examinará as solicitudes presentadas e valorará os méritos acreditados documentalmente.

A.1) Bolsa de investigación.

a) Expediente académico, que se valorará de forma proporcional ata un máximo de 10 puntos. Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media do expediente académico persoal, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

En caso de varias titulacións válidas para os proxectos que se presenten, terase en conta a nota máis alta.

b) Formación complementaria e experiencia dentro dos ámbitos de coñecemento a que van destinadas estas bolsas: ata un máximo de 6 puntos.

A comisión non valorará aqueles méritos alegados polas persoas solicitantes que non fosen acreditados documentalmente.

1. Cursos, másters e diplomas de estudos avanzados (DEA) relacionados coa actividade á que se opta, organizados por organismos públicos, universidades, ata un máximo de 2 puntos.

Pola realización de cada máster relacionado coa actividade a que se opta: 1 punto.

Pola realización de cada DEA relacionado coa actividade a que se opta: 1 punto.

Pola realización da memoria de licenciatura: 0,5 puntos.

Por segundas titulacións universitarias: 0,5 puntos.

Presentación de comunicacións en congresos relacionados co obxecto da bolsa: 0,20 puntos por comunicación, ata un máximo de 1,5 puntos.

Asistencia a cursos de duración igual ou superior a 100 horas: 0,15 puntos por curso, ata un máximo de 1 punto.

Asistencia a cursos de duración igual ou superior a 40 horas: 0,10 puntos por curso, ata un máximo de 0,80 puntos.

Asistencia a cursos de duración inferior a 40 horas: 0,05 puntos por curso, ata un máximo de 0,50 puntos.

Non se valorarán os cursos de menos de 10 horas nin aqueles que non acrediten as horas lectivas.

Forma de acreditación: copia dos títulos ou certificados de participación nas actividades formativas.

2. Traballos individuais publicados e participación en publicacións colectivas relacionadas co obxecto da bolsa, ata un máximo de 2 puntos.

Publicacións individuais (máis de 100 páxinas): 0,50 puntos por publicación.

Artigos e colaboracións de máis de 20 páxinas: 0,25 puntos por publicación.

Artigos inferiores a 20 páxinas: 0,20 puntos por publicación.

Non se valorarán as publicacións que non consignen o ISBN ou ISSN.

O mesmo mérito valorarase unha soa vez, ben como comunicación ben como publicación.

Forma de acreditación: copia das referidas publicacións.

3. Experiencia laboral ou outras bolsas relacionadas co obxecto destas bolsas, ata un máximo de 2 puntos.

Contrato laboral: 1,20 puntos por ano (0,1 punto por mes).

Bolsas: 1 punto por ano (0,08 puntos por mes).

Prácticas: 0,5 puntos por ano (0,04 puntos por mes).

c) Memoria explicativa do proxecto que presenta para a obtención da bolsa, segundo se especifica no anexo correspondente: ata un máximo de 4 puntos.

A citada memoria debe presentarse en formato A4, mecanografada a dobre espazo e por unha soa cara, e a súa extensión non será inferior a cinco nin superior a dez páxinas.

Esta memoria débese acompañar dunha carta de convite dalgún centro de investigación, estudo ou documentación situado en Madrid, así como un escrito do responsable da investigación sobre o interese do proxecto.

A non presentación desta memoria ou da carta de convite supoñerá a exclusión da persoa candidata.

Interese do proxecto: ata un máximo de 2 puntos.

Xustificación da necesidade de estadía en Madrid: ata un máximo de 2 punto.

En caso de empate terase en conta, en primeiro lugar, o expediente académico e, en segundo lugar, o currículo.

A.2) Bolsa de creación.

a) Expediente académico, que se valorará de forma proporcional ata un máximo de 10 puntos.

Utilizarase para a valoración desta epígrafe a nota media do expediente académico persoal, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

En caso de varias titulacións válidas para os proxectos a que se presenten, terase en conta a nota máis alta.

b) Currículo e obra de creación realizada previamente, ata un máximo de 6 puntos.

c) Memoria explicativa do proxecto que presenta para a obtención da bolsa, ata un máximo de 4 puntos.

Nesta memoria incluirase un resumo do proxecto dunha extensión máxima de 5 páxinas A4 vertical, explicitando as súas motivacións, os tipos de traballos que pretende realizar e como se integra a bolsa no seu desenvolvemento profesional. No proxecto de creación deberase xustificar tanto a necesidade da estadía en Madrid como a da proxección da cultura galega.

Os proxectos de artes visuais (debuxo, cine, fotografía, gravado, vídeo) ou composición musical deberán estar avalados por un responsable dun centro de creación, dun museo, dun conservatorio etc.

A non presentación desta memoria ou da carta de convite supoñerá a exclusión da persoa candidata.

B) Procedemento.

Despois de rematar o proceso de avaliación das solicitudes, a comisión de valoración elaborará un informe en que se concrete o resultado da avaliación efectuada e a puntuación obtida, que será remitido ao órgano instrutor.

A Xerencia do Consello da Cultura Galega, como órgano instrutor, á vista do expediente e do informe da comisión de valoración, formulará a proposta de resolución provisional debidamente motivada.

Esta proposta farase pública na páxina web do Consello da Cultura Galega
(http://consellodacultura.gal), xunto á relación de suplentes, por orde decrecente de puntuación.

No suposto de que unha mesma persoa resulte ser a titular en máis dunha bolsa, atenderase á orde de prelación indicada na solicitude, por rigorosa orde de puntuación.

A listaxe de suplentes poderá ser operativa no caso de que a persoa seleccionada non se incorporase na data establecida, cando manifestase expresamente a súa non aceptación da bolsa ou renunciase a esta unha vez aceptada, así como cando se proceda á súa revogación.

Décimo segunda. Alegacións e trámite de audiencia

Segundo o artigo 82 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas, unha vez instruído o procedemento e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución definitiva, o prazo de exposición pública da proposta de resolución provisional será de dez días naturais, que empezarán a contar a partir do seguinte ao da data de publicación, durante os cales se poderán facer as alegacións pertinentes nos lugares e forma indicados na base quinta desta convocatoria.

Non obstante, ao abeiro do artigo 76, as persoas interesadas poderán presentar alegacións en calquera momento do procedemento anterior ao trámite de audiencia.

Despois de examinar as alegacións presentadas, de ser o caso, formularase a proposta de resolución definitiva.

De non presentarse solicitudes ou de non cumpriren as persoas solicitantes algún dos requisitos xerais e específicos, a convocatoria será declarada deserta.

Décimo terceira. Resolución. Notificación e publicación

Unha vez transcorrido o trámite de audiencia, o órgano instrutor elevará a súa proposta de resolución definitiva á Presidencia do Consello da Cultura Galega, quen resolverá e fará constar a relación de bolsas concedidas, cos suplentes, se os houber. Na resolución constará a relación de bolsas concedidas, cos suplentes, se os houber, e os denegados coas causas de denegación, así como os demais aspectos previstos no artigo 34 do Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, aprobado polo Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro.

A resolución de concesión da bolsa publicarase na páxina web do Consello da Cultura Galega (http://www.consellodacultura.gal), mediante relación nominal da persoa beneficiaria e suplentes e demais supostos, polo que se entenderán notificados/as para todos os efectos, sen prexuízo das notificacións individuais ao abeiro do recollido na base oitava desta convocatoria, de conformidade co establecido no artigo 45 da Lei 39/2015, do 1 de outubro, do procedemento administrativo común das administracións públicas.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, as interesadas e os interesados poderán interpoñer un recurso potestativo de reposición, perante a Presidencia do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes a partir do día seguinte a aquel en que se publique a resolución, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante os xulgados do contencioso-administrativo.

De acordo co disposto no artigo 23.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, o prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento será de cinco meses, que contarán a partir de que se publique esta convocatoria no Diario Oficial de Galicia. O vencemento do prazo máximo, sen que sexa notificada a resolución, lexitima as persoas interesadas para considerar desestimadas por silencio administrativo as solicitudes presentadas.

As persoas solicitantes excluídas terán un prazo de dous meses, a partir da publicación da concesión das bolsas no Diario Oficial de Galicia, para recuperar a documentación presentada.

Décimo cuarta. Aceptación e incorporación das persoas bolseiras

Despois de serlle notificada a resolución definitiva por parte do órgano competente, a persoa beneficiaria disporá dun prazo de dez (10) días naturais para comunicar ao Consello da Cultura Galega a súa aceptación (cubrindo o anexo VI). Transcorrido este prazo sen que se producise manifestación expresa, entenderase tacitamente aceptada, segundo o establecido no artigo 21.5 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e desde ese momento adquirirán a condición de beneficiarios. No caso de aceptación, achegarase no referido prazo un documento facilitado pola entidade bancaria a nome da persoa interesada, no que conste o código IBAN, onde deberá ser aboada a bolsa.

Se nese prazo algunha das persoas beneficiarias fai renuncia expresa da bolsa, procederase automaticamente á adxudicación da bolsa ao/á seguinte aspirante en puntuación.

A data de incorporación á Casa de Velázquez en Madrid establecerase na notificación da adxudicación da bolsa. Se o adxudicatario ou adxudicataria da bolsa non se incorpora na data sinalada, perderá os dereitos inherentes á bolsa concedida, salvo causa debidamente xustificada mediante un escrito achegado con anterioridade á data de incorporación, así apreciada pola Presidencia do Consello da Cultura Galega. No suposto de incorporación tardía xustificada, dun prazo máximo de dez días naturais, reducirase proporcionalmente o importe da contía que se vai percibir.

Décimo quinta. Natureza xurídica da relación

O aproveitamento destas bolsas non xera ningún tipo de vínculo laboral, administrativo nin de calquera outra natureza contractual ou legal entre a Administración autonómica e os/as bolseiros/as. De acordo co Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro, polo que se regulan os termos e as condicións de inclusión no réxime xeral da Seguridade Social das persoas que participen en programas de formación, o persoal bolseiro queda asimilado a traballadores por conta allea, para os efectos da súa inclusión no réxime xeral da Seguridade Social. Os dereitos e obrigas cínguense en exclusiva aos estipulados nestas bases reguladoras.

Décimo sexta. Aboamento das bolsas

O aboamento das bolsas realizarase a mes vencido na conta bancaria indicada pola persoa interesada, logo da correspondente certificación emitida polo secretario do Consello da Cultura Galega, de acordo co informe elaborado polo director do proxecto a que estea adscrito a persoa bolseira, sempre que as actividades desenvolvidas se realicen con normalidade e de acordo coas bases establecidas. Os meses serán considerados en todos os casos de 30 días. A contía percibida estará en función dos días transcorridos desde a incorporación á bolsa.

En todos os pagamentos efectuarase a correspondente retención á conta do imposto sobre a renda das persoas físicas (Real decreto 439/2007, do 30 de marzo, polo que se aproba o Regulamento) e da Seguridade Social (Real decreto 1493/2011, do 24 de outubro).

Décimo sétima. Obrigas das persoas bolseiras

1. As persoas seleccionadas quedarán obrigadas a:

a) Residir na Casa de Velázquez en Madrid.

b) O cumprimento das obrigas establecidas no artigo 11 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

c) Seguir as indicacións técnicas dos/das coordinadores/as ou titores/as do proxecto.

d) Entregar mensualmente aos/ás coordinadores/as ou titores/as do proxecto un informe da súa actividade e, ao finalizar a bolsa, a memoria explicativa do resultado daquela.

e) Facer constar na produción escrita derivada dos traballos en que participe ou realice no seu proceso de formación a expresión: «Co apoio do Consello da Cultura Galega» e achegar un exemplar do traballo publicado.

2. Os/as coordinadores/as ou titores/as que dirixan as persoas bolseiras poderán propoñerlle á Presidencia do Consello da Cultura Galega a extinción da bolsa por falta de dedicación ou incumprimento das condicións sinaladas.

Décimo oitava. Titores ou titoras

O obxectivo das bolsas é fomentar o perfeccionamento profesional das persoas bolseiras. Cada unha delas contará cun titor ou cunha titora, que será o encargado de orientalos na súa formación. Deste xeito, as tarefas que as persoas bolseiras levarán a cabo estarán unicamente encamiñadas a completar a súa formación, non podendo desenvolver ocupacións relacionadas coas tarefas administrativas propias do Consello da Cultura Galega ou da Casa de Velázquez en Madrid.

Décimo novena. Condicións, incidencias, incompatibilidades, obrigas e cumprimento

a) As persoas beneficiarias das bolsas comprométense a cumprir todas as condicións recollidas nesta orde.

b) O Consello da Cultura Galega resolverá todas as dúbidas e incidencias que poidan xurdir na aplicación da presente convocatoria.

c) A concesión destas bolsas será incompatible con axudas destinadas ao mesmo fin.

d) As persoas beneficiarias teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das bolsas, así como as demais que deriven do artigo 45 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

e) Se algunha das persoas beneficiarias destas bolsas decide renunciar a ela, é seleccionada para outra bolsa, axuda ou proxecto, ou se produce algunha circunstancia determinante de incompatibilidade con esta bolsa, deberá comunicarllo ao Consello da Cultura Galega (cubrindo o anexo VI), que procederá á suspensión da bolsa correspondente. A bolsa vacante poderáselle adxudicar ao/á candidato/a seguinte da lista de suplentes.

No caso de que se comunique a renuncia, o órgano competente para resolver ditará a correspondente resolución nos termos previstos no artigo 21.1 da Lei 39/2015.

f) En calquera momento, a persoa responsable das prácticas poderá propoñerlle á Presidencia do Consello da Cultura Galega cancelar a bolsa por falta de rendemento da persoa beneficiaria, incumprimento do plan de actuación aprobado ou inadaptación ás normas de funcionamento da oficina. A Presidencia do Consello da Cultura Galega, logo de dar trámite de audiencia ao interesado, poderá revogar a concesión da bolsa por incumprimento das obrigas contraídas pola persoa adxudicataria.

g) O Consello da Cultura Galega poderá autorizar a interrupción temporal das bolsas, logo da incorporación da persoa bolseira ao destino adxudicado, por motivos de forza maior. No caso de que a interrupción supere o 10 % do tempo total de duración da bolsa, suporá a súa revogación.

h) Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión, segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

i) O incumprimento por parte da persoa bolseira de calquera das condicións recollidas na presente resolución e nas demais normas aplicables poderá constituír causa determinante de revogación da axuda e do reintegro total ou parcial pola persoa beneficiaria das cantidades percibidas xunto cos xuros de mora que lle puidesen corresponder en cada caso, en aplicación do disposto no artigo 33 e seguintes da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, e no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

l) A presentación da solicitude de concesión de subvención pola persoa interesada ou representante comportará a autorización ao órgano xestor para solicitar as certificacións que deban emitir a Axencia Estatal da Administración Tributaria, a Tesouraría Xeral da Seguridade Social e a consellería competente en materia de facenda da Xunta de Galicia, segundo o establecido no artigo 20.3 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia. Non obstante, a persoa solicitante ou representante poderá denegar expresamente o consentimento, caso en que deberá presentar as certificacións nos termos previstos regulamentariamente.

Vixésima. Transparencia e bo goberno

Deberá darse cumprimento ás obrigas de transparencia contidas no artigo 17 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, e no artigo 15 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

En virtude do disposto no artigo 4 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, de transparencia e bo goberno, as persoas físicas e xurídicas beneficiarias de subvencións están obrigadas a subministrar á Administración, ao organismo ou á entidade das previstas no artigo 3.1 da Lei 1/2016, do 18 de xaneiro, a que se atopen vinculadas, logo de requirimento, toda a información necesaria para o cumprimento por aquela das obrigas previstas no título I da citada lei.

Vixésimo primeira. Publicidade

As resolucións así como os datos que se deban notificar de forma conxunta publicaranse na páxina web do Consello da Cultura Galega (http://www.consellodacultura.gal).

Esta publicación substituirá a notificación persoal e producirá os seus efectos.

Disposición adicional primeira

En todo o non recollido na presente resolución aplicarase o disposto na Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia, no Decreto 11/2009, do 8 de xaneiro, polo que se aproba o Regulamento da Lei 9/2007, do 13 de xaneiro, de subvencións de Galicia, na Lei 38/2003, do 27 de novembro, xeral de subvencións e no seu regulamento aprobado polo Real decreto 887/2007, do 21 de xullo, na Lei 39/2015, do 1 de outubro, reguladora do procedemento administrativo común das administracións públicas, no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, modificada pola Lei 5/2000, do 28 de decembro, e na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia vixente na actualidade correspondente.

Disposición adicional segunda

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderán dar lugar á modificación da resolución de concesión segundo prevé o artigo 17.4 da Lei 9/2007, do 13 de xuño, de subvencións de Galicia.

Disposición adicional terceira

A concesión das bolsas regulamentadas nesta resolución terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Disposición adicional cuarta

Esta convocatoria poderase impugnar mediante un recurso potestativo de reposición, ante a Presidencia do Consello da Cultura Galega, no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no Diario Oficial de Galicia, ou ben directamente a través dun recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de xullo de 2021

Rosario Álvarez Blanco
Presidenta del Consello da Cultura Galega

ANEXO II

Unha bolsa de estadía de investigación na Casa de Velázquez en Madrid.

Esta bolsa ten como finalidade a presenza dunha persoa investigadora na Casa de Velázquez en Madrid.

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

– Ser licenciado/a ou graduado/a nas áreas de Humanidades e Ciencias Sociais ou titulacións equivalentes.

– Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6 puntos, calculada de acordo cos parámetros publicados pola Resolución da Secretaría Xeral Técnica da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 15 de setembro de 2011 (DOG núm. 188, do 30 de setembro).

– Presentar unha memoria do proxecto.

A persoa investigadora deberá presentar unha memoria explicativa do proxecto de investigación que resuma as características xerais da investigación que vai levar a cabo.

A devandita memoria debe presentarse en formato A4, mecanografada a duplo espazo e por unha soa cara, e a súa extensión non será inferior a cinco nin superior a dez páxinas.

A investigación que se vai desenvolver pertencerá ao ámbito das ciencias humanas e sociais, cuxas fontes ou terreo de referencia se atopen en Madrid, e terá que ver coa cultura e a historia de Galicia e a proxección da cultura galega.

– Esta memoria débese acompañar dunha carta de convite dalgún centro de investigación, estudo ou documentación situado en Madrid, así como un escrito do responsable da investigación sobre o interese do proxecto.

ANEXO III

Unha bolsa de estadía de creación na Casa de Velázquez en Madrid.

Esta bolsa ten como finalidade facilitar a presenza dunha persoa creadora na Casa de Velázquez en Madrid. Está destinada a creadores ou creadoras do ámbito das artes plásticas, musicais, escénicas ou visuais (agás pintores e escultores).

Requisitos específicos das persoas solicitantes:

Para solicitar as bolsas a que se refire esta convocatoria é necesario, ademais de reunir os requisitos xerais establecidos na base cuarta desta resolución:

– Posuír unha titulación universitaria ou de grao superior en ciclos formativos de ensinanzas artísticas, coreográficas, escénicas, musicais, deseño, imaxe e son.

– Posuír unha nota media no seu expediente académico igual ou superior a 6 puntos.

– Presentar unha memoria do proxecto.

O creador ou creadora deberá presentar unha memoria explicativa que resuma as características xerais do proxecto que vai levar a cabo. Nesta memoria incluirase un resumo do proxecto dunha extensión máxima de 5 páxinas A4 vertical, explicitando as súas motivacións, os tipos de traballos que pretende realizar e como se integra a bolsa no seu desenvolvemento profesional.

– Os proxectos de artes visuais (debuxo, cine, fotografía, gravado, vídeo) ou composición musical deberán estar avalados por un responsable dun centro de creación, dun museo, dun conservatorio etc. No proxecto de creación deberase xustificar tanto a necesidade da estadía en Madrid como a da proxección da cultura galega.

Experiencia previa:

As persoas solicitantes, segundo a súa categoría, deberán xuntar un currículo das súas obras de creación previas.