Expertos reclaman que o uso e a xestión dos lugares vencellados ao franquismo xiren arredor da memoria e da investigación

Lugares destinados á memoria, á investigación histórica pero indubidablemente cun claro retorno social e no marco dunhas políticas públicas de memoria definidas. Estas son algunhas das ideas apuntadas por diferentes especialistas e investigadores na xornada “Que facer cos lugares da memoria franquista?” que o Consello da Cultura Galega (CCG), coa colaboración do Concello de Sada e a Asociación Cultural Iráns Suárez Picallo, desenvolveu ao longo da xornada de hoxe en Sada. A cita foi coordinada por Xosé M. Núñez Seixas quen asegurou “non existen receitas únicas nin modelos ideais xa que cada sociedade, cada país, fixa o seu camiño a seguir en políticas da memoria”. Como complemento da xornada, o portal de divulgación cultural do CCG, culturagalega.gal publica a primeira reportaxe na que xeolocaliza espazos destinados á memoria das provincias de Pontevedra e A Coruña.

Xosé M. Núñez Seixas, coordinador desta cita, asegurou que “existe un consenso europeo verbo de que facer cos lugares de memoria asociados ás vítimas dos réximes ditatoriais, das guerras, das limpezas étnicas e deportacións. O sufrimento das vítimas vai en primeiro lugar, a reparación da súa memoria, a súa individualización, a localización dos seus restos e a posibilidade de que o seus descendentes poidan velar e cultivar o seu recordo”. Con todo lembrou que “no Estado español fica aínda moito por facer, malia os avances rexistrados nos últimos anos, a respecto de casos paradigmáticos na Europa occidental”. Na súa opinión explicou que se debe a que son espazos vencellados aos perpetradores, aos ditadores ou aos seus seguidores. “Aí existen lagoas e zonas sombrizas en case todos os países. Debater que facer en Galicia cos lugares de memoria do franquismo, tanto aqueles ligados ao réxime e aos represores, como os vencellados á lembranza das vítimas, constitúe un apartado máis dun debate continental e global”. A cita, que se desenvolveu en Sada co apoio do concello e da Asociación Cultural Irmáns Suárez Picallo, foi gravada e os relatorios subiránse proximamente no web do CCG.

O disputado patrimonio dos Franco
A Casa Cornide, as estatuas de Enoc e de Elías do Pórtico da Glorias, o Pazo de Meirás son algúns exemplos do patrimonio familiar dos Franco que están, aínda que en diferentes fases, no debate público. “O proceso do Pazo de Meirás reactivou tamén outros procesos” explicou na súa intervención o historiador Emilio Grandío para quen o obxectivo non é tanto o resultado final, senón o proceso. “O éxito, sen dúbida ningunha foi o camiño” afirmou. Desde a súa perspectiva persoal este tipo de espazos deben enfocarse desde unha perspectiva de memoria, de investigación histórica e cun claro retorno social. “Estes espazos están impregnados de todos e todas e se queremos facer un relato democrático ten que ser todo o contrario do que significa a ditadura (visión única, falta de pluralidade…) e esta debería ser desde unha perspectiva moi teórica, debería ser algo moi vivo e con moito retorno social” afirmou.

Nesta liña tamén reflexionou a escritora e investigadora Montse Fajardo que considerou que en San Simón o que hai que facer é memoria. Apostou por facer un uso memorialístico do espazo que sexa respectuoso coa historia do lugar e tamén con perspectiva de xénero porque “contrariamente ao que se ten dito, nese cárcere tamén houbo mulleres e fillas de moitos presos aos que hai que lembrar”. Na intervención explicou que cómpre facer un plan de usos sobre este espazo que teña tres patas: o movemento memorialístico, as familias e tamén a investigación. Lonxe dos usos recentes deste espazos tal e como detallou no marco do seu relatorio.


Os outros lugares de memoria
Xa pola tarde, o historiador Dionisio Pereira abordou os movementos sociais alternativos da Galicia de anteguerra. Unha descrición que complementaron Carlos Babío, Aldara Cidrás, Manuel Pérez Lorenzo e Raúl Soutelo que trazaron outros lugares de memoria do franquismo que están espallados polo territorio. Os espazos relativos ás provincias da Coruña e de Pontevedra están xeolocalizadas na primeira das reportaxes que o portal de divulgación cultural, culturagalega.gal ofrecerá como complemento desta xornada.

O contexto europeo
A cita tamén puxo enriba da mesa o que se estaba a facer arredor das políticas da memoria na Europa. Foi Xosé M. Núñez Seixas, na súa dobre condición de coordinador e relator, quen trazou os diversos patróns que distinguiu entre o europeo-occidental e o europeo-oriental. Fixo un relato da evolución progresiva que arrincou cun inicial esquecemento selectivo ao maior protagonismo que adquiriron as vítimas e a súa lembranza dende o xuízo a Adolf Eichmann en Xerusalén no ano 1961 pasando polo novo pulo dos anos setenta e oitenta á memoria do antifascismo e das vítimas, que se veu tamén favorecido pola revolución dos cravos en Portugal ou a transición grega. Na súa intervención, Seixas detallou que as novas discusións acontecidas nos anos noventa viñan “motivadas polas transicións dende o comunismo á democracia liberal no Leste da Europa, e ás novas sensibilidades que neses países se cultivaron a respeito das vítimas dos réximes comunistas, o que tamén incluíu ás veces a rehabilitación de antigos fascistas e colaboracionistas cos ocupantes nazis ou fascistas”. Ademais, explicou que “ese retorno do revisionismo coexiste ademais cos seus contaxios na Europa occidental, patentes en países como Francia, Italia e España dende a segunda década do século XXI, que poñen en cuestión o chamado consenso antifascista sobre o que se edificou a matriz ética das democracias de posguerra”.

Outras noticias que che poden interesar: