NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega organiza un faladoiro de empresas que amosan unha nova maneira de entender o rural

Arqueixal, Gandeiria Quintián, Amarelante ou Adegas Celme son proxectos empresariais galegos que se caracterizan por un fondo compromiso polo medio, pola produción agrícola e gandeira sustentable e polo respecto á lingua e á cultura galegas. Os responsables destas iniciativas participan na xornada “Faladoiro de marcas que constrúen novas ruralidades” que a Sección de Lingua, Literatura e Comunicación do Consello da Cultura Galega (CCG) organiza mañá martes, 20 de xullo, en Castrelo de Miño. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, inaugurará esta cita coordinada por Elisa Fernández Rei e Eva Sánchez Amboage.

Esta actividade busca amosar novos modos de vivir no rural e iniciativas que perseguen a construción dun novo rural, máis moderno e máis integrador. Presta especial atención ao seu uso do galego e aos desafíos que enfrontan por usaren unha lingua minorizada na promoción e comercialización dos seus produtos. A cita está orientada a dar a coñecer a xénese e especificidade dunha serie de empresas que poidan servir de experiencia para outros posibles proxectos.

As experiencias
Verónica Mouriño, de Brétema Comunicación, será a encargada de presentar e moderar esta cita que ofrecerá catro relatorios. Representa unha empresa de comunicación e marketing para pequenas empresas e negocios rurais. Na xornada participa Xosé Luis Carrera de Arqueixal, unha granxa familiar situada na parroquia de Santiago de Albá, comarca da Ulloa, Lugo. Explicará como pasaron dunha produción de queixo, iogur e leite fresco ecolóxico á concepción dunha experiencia máis completa que encarna o seu amor á terra. O seu proxecto recuperou un conxunto de casas rurais antigas para acoller hóspedes e dar a coñecer o modo de vida no rural galego. Nun lugar especial que ofrece benestar respectando o medio natural, promoven un medio rural e agrario sustentable, desde un punto de vista ecolóxico, económico e social.

Chelo López Rodríguez explicará o modelo da Gandería Quintián. Trátase dun proxecto familiar que comezou nos anos sesenta e que aproveita a orografía do espazo no que se instalaron no Páramo (Lugo), para ofrecer unha queixería subterránea que respecta a contorna e non ten impacto paisaxístico. Foron pioneiros na venda directa de leite pasteurizado sen ningún tipo de conservante e actualmente diferéncianse polos seus queixos artesáns, moldeados e volteados un a un, o que fai que sexan únicos.

Amarelante naceu en 2013 co obxectivo de recuperar os soutos abandonados e reactivar a produción de castañas de calidade, elaborando produtos con valor engadido comercializados baixo o selo de Castañas de Galicia. Toma o seu nome da castaña amarelante, propia do Macizo Central Ourensán. Natalia Nogueira será a encargada de explicar o modelo de negocio desta empresa que, ademais da venda de castañas secas tratadas nun secadoiro alimentado con biomasa, elabora e comercializa fariña de castaña e bica de castaña.

Adegas Celme é o proxecto de Dori e Jorge, dous enxeñeiros de formación que decidiron dar un xiro ás súas vidas para converter a súa paixón no seu proxecto vital. Dori Rodriguez explicará mañá como no 2016 fundaron a súa adega na denominación de orixe do Ribeiro, na parroquia de Astariz (Castrelo de Miño). Os seus viños e vermú son o resultado dun traballo ecolóxico e minucioso utilizando exclusivamente castes autóctonas para elaborar produtos singulares e únicos. Celme é tamén unha aposta clara polo potencial do rural galego e así o amosan nas diferentes actividades de enoturismo que ofrecen na súa adega, rodeada de patrimonio, historia e paisaxe.

Outras noticias que che poden interesar