NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega publica un inédito de Aquilino Iglesia Alvariño que explica o elo perdido do proxecto editorial Historia de Galiza

O 29 de xullo é o sesenta cabodano de Aquilino Iglesia Alvariño (Seivane, Abadín, 1909–Santiago de Compostela, 1961), recoñecido poeta e tradutor de poesía clásica á nosa lingua. Pero foi moito máis ca iso, foi unha figura fundamental na construción do galego culto. O Consello da Cultura Galega (CCG) recupera esa faceta coa publicación «Da fonte máis fonda». Historia do vocabulario e outros escritos sobre o idioma galego, que recupera un texto inédito de Aquilino de gran valor. Dunha banda porque explica o elo perdido do proxecto editorial Historia de Galiza dirixido por Otero Pedrayo e, da outra, porque axuda a coñecer un episodio ignorado na configuración do galego culto. Cartas, textos inéditos e varios estudos contextualizadores a cargo dos filólogos Rosario Álvarez e Henrique Monteagudo e do historiador Ramón Villares complementan esta publicación que se pode descargar desde o web do CCG. Ademais, a publicación enriquécese cun especial web que visibiliza eses materiais nun relato cronolóxico.

A historia comeza en 1951 coa encomenda que Otero Pedrayo lle fai a Aquilino Iglesia Alvariño para que escriba a entrada sobre lingua galega para Historia de Galiza, o gran proxecto editorial que foi concibido e publicado en América grazas ao mecenado de Manuel Puente (Salvaterra de Miño 1890–Bos Aires 1970). Aquilino chegou a entregar o texto, publicado agora tal e como foi escrito, pero non pasou os filtros dos galeguistas de América no seu momento. “Ao mecenas e ao círculo americano que o rodea, o traballo de Aquilino Iglesia non gusta nin no fondo nin na forma” explica a filóloga e presidenta do CCG, Rosario Álvarez. “Non critican o rigor científico pero fan ver que non se axusta nin aos obxectivos perseguidos, nin ao seu programa de intervención cultural, nin ao seu ideario lingüístico. Desde o seu punto de vista, fáltalle “quentura patriótica”: en lugar de acender o espírito dos galegos e de darlles pulos para traballaren a prol da súa patria, transmite derrotismo e produce un efecto deprimente”. Ante a total oposición a publicalo devolvéronllo a Pedrayo para que convencese ao autor para refacelo consonte as premisas que lle impuxeron, ou buscase outro autor. A correspondencia amosa que Otero lle trasladou a queixa e que Aquilino aceptou, pero morreu antes de dar redactado a nova versión.

A publicación
O libro condensa o pensamento e a obra filolóxica de Aquilino Iglesia Alvariño a través de varios materiais de desigual extensión e relevancia. O principal é o texto encargado por Otero Pedrayo, «Historia do vocabulario» que se presenta en versión orixinal, tal e como foi concibido polo autor e que segundo Rosario Álvarez, “revela a un Aquilino lingüista con sólida formación científica á altura do seu tempo”. O texto permanecía en mans da familia e edítase agora acompañado da correspondencia cruzada entre os protagonistas, que axuda a entender todo o proceso e as súas consecuencias. Entre a documentación publicada destaca tamén o texto titulado Acordos pra a unificación lingüística das colaboraciós da Historia de Galiza, que contén unhas normas sobre o idioma consensuadas entre os participantes no proxecto, entre os que se encontraban os máis relevantes galeguistas, para darlle unidade ao proxecto, un capítulo descoñecido na historia da lingua. A documentación contribúe a ampliar o coñecemento sobre o proceso de elaboración do galego culto.

O libro contén tres estudos que contextualizan e explican a importancia histórica e lingüística da obra editada. Rosario Álvarez expón o desempeño da encarga e o desencontro cos promotores. Henrique Monteagudo coloca o texto de Aquilino no marco das ideas e debates lingüísticos producidos na Galicia do seu tempo. “Aquilino propuña un modelo lingüístico localista e ese ideario idiomático do autor acabou chocando co dos sectores galeguistas que, en Galicia e nas comunidades do desterro americano, pulaban por dar continuidade ao labor de modernización da lingua que impulsara o galeguismo de anteguerra” explica Monteagudo.

Pola súa banda, Ramón Villares sitúa o texto inédito no marco da creación do proxecto editorial Historia de Galiza, ideado por Castelao, financiado en todo o seu percorrido por Manuel Puente (cun orzamento que roldaba inicialmente as 140 000 pesetas da época para sufragar dirección e dereitos de autor, viaxes de investigación a arquivos e bibliotecas, etc.) e do que saíron tres dos catro volumes proxectados. Villares asegura no seu estudo que “o proxecto da Historia de Galiza de Otero Pedrayo é expresión da continuidade do legado de preguerra” e que un “resultado coral dunha memorable xeración intelectual que, na parte historiográfica, traballara con criterio axeitado ao seu tempo no seo do Seminario de Estudos Galegos”.

Todos os materiais arredor desta encomenda están ordenados de xeito cronolóxico nun especial web que estará dispoñible desde o propio día 29.

Poeta, tradutor, ensaísta e bo coñecedor da lingua
Aquilino Iglesias Alvariño é moi coñecido pola súa faceta de poeta na que destacan os poemarios Señardá (1930), Corazón ao vento (1933), Cómaros verdes (1947) ou De día a día (1960). Foi tamén apreciado como crítico literario, divulgador da literatura e como tradutor dos clásicos á nosa lingua. Son actividades que lle deron certo recoñecemento no galeguismo e polas que foi nomeado académico en 1947. En 1949 gaña a Cátedra de Latín e ingresa na Real Academia Galega co discurso A lengua dos poetas do norte de Lugo, ao que responde precisamente Otero Pedrayo. En 1951 publica a versión dos Carmina de Horacio, que se edita co aval científico do CSIC; na súa introdución asegura que versiona os clásicos latinos para fuxir das formas literarias modernas e das formas caducadas da tradición literaria galega, botando man da expresividade da fala diaria, seleccionando aquelas voces que se adapten ao sentido do verso latino. Coa presente publicación preténdese completar o seu perfil, engadindo tamén a súa condición científica de solvente filólogo.