NOTICIA

----

Últimos días para ver en Ourense a mostra que afonda na pegada de Afonso X na cultura galega

O vindeiro domingo pecha as súas portas en Ourense Afonso X e Galicia, a mostra coa que o Consello da Cultura Galega (CCG), a Xunta e a Deputación de Ourense conmemoran o 800 aniversario do Rei Sabio. A exposición convida a coñecer a esta figura a través de documentos, testemuños arqueolóxicos, literarios e musicais que amosan o legado afonsino en paralelo ao esplendor da cultura galega na etapa medieval. O músico, musicólogo e medievalista Antoni Rossell é o comisario desta proposta que se enriqueceu para a súa exhibición en Ourense con materiais escolmados por Afonso Vázquez Monxardín que afondan na conexión do monarca con esta provincia.

A exposición que se pode ver ata o día 22 no Centro Cultural Marcos Valcárcel pretende achegar unha faceta menos coñecida do Rei Sabio, como é a súa conexión con Galicia. O relato non segue un criterio cronolóxico, senón que ofrece un percorrido flexible e multidisciplinar con cinco bloques temáticos. A entrada sitúa o personaxe Afonso X na súa dimensión máis humana. Unha vez dentro, o segundo espazo está destinado a ofrecer a vida e conflitos persoais do monarca. O terceiro espazo recreará o obradoiro onde os manuscritos e as miniaturas cobran o protagonismo presentando o seu labor científico, histórico e cultural. De seguido, o cuarto espazo está dedicado á zona da música e dos instrumentos medievais coas distintas reproducións chegadas de diferentes espazos. As Cantigas de Santa Maria relacionadas con Galicia presentaranse simultaneamente en seis pantallas que se proxectarán sobre. O último espazo está dedicado a ilustrar graficamente a sociedade medieval e a vida do monarca a través das imaxes do Códice Rico do Escorial das Cantigas de Santa Maria.

En Ourense, ademais, enriqueceuse cunha serie de materiais seleccionados por Afonso Vázquez Monxardín. Entre os materiais expostos destaca O Tombo das viñas de Ribadavia, un rolo de pergamiño procedente do mosteiro de Melón, custodiado no Arquivo da Catedral de Ourense que se exhibe publicamente por primeira vez. Foi considerado como un dos primeiros documentos en galego, xa que os estudosos que inicialmente o consignaron e editaron deron en datalo nos anos previos ao reinado de Afonso X. Canda el pódese ver un privilexio rodado que sae o obradoiro do rei Sabio dirixido ao bispado de Ourense para que non paguen un imposto que se chama moeda. Diferentes paneis permiten xeolocalizar o patrimonio afonsino en preto de sesenta localizacións de toda a provincia.

A exposición ten diferentes niveis de lectura, a través de códigos QR que remiten a un espazo web onde se aloxan textos recitados, música e informacións, ademais do catálogo virtual para enriquecer a visita. Entre os contidos complementarios destaca unha serie de entrevistas aos especialistas Henrique Monteagudo, Helena de Carlos, Francisco Prado-Vilar, Carlos Núñez, Elvira Fidalgo e Eduardo Cebreiros.

Afonso X: un proxecto político e cultural
A mostra presenta o Rei Sabio como un monarca que tivo grandes logros culturais, pero tamén grandes fracasos e contradicións, que soñou ser o grande emperador de Europa e que acabou destronado polo seu propio fillo. O relato constrúe a un home ocupado na construción dunha monarquía absoluta fronte á Igrexa e a aristocracia, cunha personalidade que se posiciona entre o pobo e a divindade, que enxalza a figura de Santa María en conflito co cabido compostelá. Ademais, emprega a lingua castelá na chancelaría e o galego na invocación a Deus e á Virxe coa intención de relegar o latín dos clérigos nunha estratexia político-cultural.

Tamén afonda na visión de universalidade do Rei Sabio no ámbito cultural, cos proxectos de tradución de/a diferentes linguas, coa súa vontade científica e coa súa concepción historiográfica. A isto engádese a conexión política do proxecto real con todos os campos da cultura, é dicir, a «utilización» do proxecto cultural con obxectivos políticos, combinando diversos sistemas ideolóxicos para un mesmo fin: a consolidación e xustificación dun proxecto político centrado na persoa do monarca.

Na rede: audiovisual, audios e roteiros
A exposición conta cun espazo propio na rede e cun audiovisual que permiten acceder ao contido amosado noutros soportes. A web contén textos recitados, música, informacións e as entrevistas da exposición. O audiovisual ofrece un itinerario pola mostra a través da ollada do seu comisario, Antoni Rossell. En preto de 15 minutos ofrécese unha peregrinaxe intelectual e intanxible polo universo afonsino en Galicia, pero tamén reivindica a vixencia da súa figura. O traballo audiovisual, feito por Nós TV, sintetiza aspectos da traxectoria de Afonso X, unha figura da cultura europea do seu tempo cunha visión de grande actualidade. No vídeo ofrécese un percorrido pola faceta máis humana do rei sabio, pero tamén pola moderna concepción do seu proxecto político, a universalidade e a aposta firma e decidida pola lingua galega, nunha época en que os conceptos de fronteiras eran máis difusos e permeables que os actuais.