NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega colabora na cuarta edición do Ares Indiano coa mostra Os Adeuses

Este sábado 21 de agosto comeza a cuarta edición do Ares Indiano, unha celebración organizada por este concello coruñés para conmemorar o pasado emigrante da vila. O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora nesta ocasión con Os Adeuses, a exposición que amosa, a través da ollada do fotógrafo Alberto Martí, os últimos momentos da emigración galega cara a América. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, asiste á inauguración da mostra que se encadra dentro dos actos de apertura do Ares Indiano xunto co alcalde, Julio Iglesias Redondo, e a concelleira de Cultura e Emprego, Alma Barrón. A exposición está divida en dúas das escolas financiadas polos emigrantes locais, a escola Alianza Aresana e a escola da Tenencia en Caamouco, e pode verse ata o 31 de agosto.

Son 51 imaxes que poñen rostro á que foi a grande epopea da emigración galega. A exposición, organizada en colaboración co Centro Galego de Artes da Imaxe/Filmoteca de Galicia escolma unha parte do inxente arquivo fotográfico de Alberto Martí para ofrecer unha ollada do que foron os últimos momentos da emigración cara América. Esta mostra recolle os movementos realizados pola poboación galega nos anos cincuenta e sesenta do século pasado e onde Brasil e Uruguai eran os principais destinos.

A mostra preséntase en dous espazos: a escola Alianza Aresana acolle (de 11:30 a 14:00 e de 18:30 a 21:00) as imaxes centradas nos retratos dos emigrantes a piques de marchar. Mentres que a escola da Tenencia en Caamouco (de 11:30 a 13:30 e de 18:30 a 20:30 horas) amosa os encontros dos retornados. A exposición conta tamén cun apartado que documenta o suceso do coñecido transatlántico, o Santa María, que cubría a ruta Caracas-Lisboa-Vigo, secuestrado polo Directorio Ibérico de Liberación (DRIL) en xaneiro de 1961 e que puido regresar ao porto de Vigo en febreiro dese mesmo ano.


Esta exposición permite tamén apreciar a política migratoria española da época, que, a través de organismos oficiais (Instituto Español de Emigración) ou privados (Comisión Católica de Emigración), tentaba subsidiar ou “asistir” as saídas e as chegadas dos emigrantes. Uns galegos anónimos, pero fundamentais para entender a historia colectiva da Galicia do século vinte.

A maior parte destas imaxes permaneceron inéditas ata esta exposición e supoñen unha primeira achega ao arquivo fotográfico de Alberto Martí. Un material que, segundo recoñeceu o propio fotógrafo, está composto por millóns de negativos, froito de anos de carreira.
Os adeuses exhibiuse por primeira vez na Coruña no ano 2010. Desde alí iniciou unha itinerancia por Galicia que a levou a diferentes localidades como Vigo, Santiago de Compostela, A Pobra do Caramiñal, Ferrol A Coruña ou Ourense. De xeito paralelo, a mostra ten un percorrido internacional xa que estivo en Montevideo, nas cidades arxentinas de Bos Aires, Rosario, Villa Gesell, e na cidade de Santos e São Paulo no Brasil e tamén no Museo das Migracións de Ellis Island en Nova York, un espazo de referencia mundial sobre as migracións.

O ares indiano
Non é a primeira vez que o Consello da Cultura Galega, no marco da súa liña de acción de difusión da emigración, colabora co Ares Indiano. En 2020 fíxoo coa inauguración da exposición O soño cubano da emigración galega e a presentación do libro Como se llega a millonario e a incorporación da entrada do seu autor, Miguel Bendamio, ao Álbum de Galicia. Ademais, puxo en rede o roteiro Ares Indiano que propuxo un itinerario polos principais edificios da arquitectura civil de Ares. Esta vila é un espazo moi acaído para comprender o profundo impacto da emigración na sociedade galega entre finais do século XIX e principios do XX. Entre as paradas deste roteiro destacan catro escolas financiadas con cargo aos cartos da emigración: a Casa escola de Seselle, a Escola da Tenencia, a Escola de Cervás, e as Escolas do Porto.