NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora varias entradas neste mes de agosto

O compositor Felipe Paz, a escritora Francisca Herrera, o neurólogo Jesús Manuel Calle Pazos e o xornalista Antonio Neira de Mosquera son as últimas entradas do Álbum de Galicia. O proxecto do Consello da Cultura Galega (CCG) suma neste de mes de agosto catro novas entradas que axudan a afondar no coñecemento de numerosas personalidades da nosa cultura.

Este mércores, 25 de agosto, publícase a entrada do xornalista e escritor Antonio Neira de Mosquera. Naceu en Santiago en 1823 nun ambiente liberal e moi cedo amosou inquedanzas polas letras. Pertence á xeración que os historiadores da Literatura denominan “Provincialistas”, un grupo de mozos que sentían a inquedanza de reafirmar a personalidade histórica de Galicia. Neira de Mosquera foi unha das figuras máis sobresaíntes. Foi autor dunha importante obra xornalística e literaria cun inequívoco temperamento romántico. Xosé Ramón Fandiño é o autor desta entrada bibliográfica que inclúe materiais como o discurso pronunciado por Neira de Mosquera no Liceo de la Juventud en 1849 ou diferentes fragmentos da súa obra. É a última entrada deste mes na que tamén se incorporaron as biografías de Francisca Herrera, Felipe Paz Carbajal e Jesús Manuel Calle.

A escritora Francisca Herrera
A biografía de Francisca Herrera Garrido (A Coruña, 1869 – 1950) incorpora pequenos fitos. A súa novela Néveda (1920) é a primeira narración extensa asinada por unha muller nas nosas letras. Foi tamén a primeira muller en participar na revista Nós, e a única que repetiu colaboración, e a primeira académica electa da Real Academia Galega. A súa entrada está asinada por Patricia Arias. Francisca Herrera Garrido naceu e morreu na Coruña pero, polo medio, viviu unha longa temporada en Madrid, onde se refuxiou trala perda do seu mozo escasos meses antes de morrer e de onde escapou tralo inicio da Guerra Civil..

Felipe Paz Carbajal
Organista, pianista, compositor, ensinante e director de coros, orfeóns e bandas de música, Felipe Paz (Pontevedra, 1850-Noia, 1918) é unha das personalidades galegas relevantes no eido da composición para banda de música, orfeón e piano da segunda metade do século XIX e principios do XX. A súa entrada, escrita por Alejo Amoedo, destaca o seu fondo compromiso coa cultura galega que ata o levou a rexeitar unha oferta de Arxentina para dirixir a banda municipal da cidade de Rosario.

Jesús Manuel Calle Pazos
Jesús Manuel Calle Pazos (Pontevea,Teo, 1942 - Santiago de Compostela, 1998) foi un destacado anatomista e neurólogo. Fernando J. Ponte Hernando escribe a entrada deste apaixonado polas neurociencias que desenvolveu unha carreira científica de éxito. As súas liñas principais de investigación foron o estudo das acetilcolinesterasas cerebrais, microvascularización de nervios periféricos, constitución troncular dos devanditos nervios, localización topográfica das áreas da linguaxe, así como estudos de neuroimaxe, analizando cadros morbosos como a Síndrome malformativa de Arnold- Chiari- Siringomielia. Investigou sobre a dor lumbar crónica, foi membro activo de numerosas sociedades científicas e a súa carreira viuse truncada por unha enfermidade da que faleceu con 55 anos.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.