NOTICIA

----

O Álbum de Galicia incorpora a entrada de Fanny Garrido

Chamábase Francisca Claudia Josefa Antonia González-Garrido y García (A Coruña, 1842 - Madrid, 1917) aínda que era máis coñecida polo nome de Fanny Garrido e, moito menos e polo pseudónimo de “Eulalia de Liáns”. Muller de sonada beleza, foi unha figura carismática, de gran calado intelectual que amosou un gran interese e compromiso pola cultura galega. Laura Touriñán Morandeira asina a súa entrada no Álbum de Galicia.

Ao redor desta mitificada beleza xurdiu unha lenda urbana, un clásico da crónica coruñesa: foron moitas as persoas que contaron que a raíña Isabel II, prendada da fermosura de Fanny Garrido durante a viaxe a Galicia en 1858 para a inauguración do ferrocarril, se ofreceu a ser a súa madriña de voda. Casou moi nova, aos 18 anos, co recoñecido músico Marcial del Adalid, quen lle dedicou numerosas composicións e co que a amosaría a súa xa que colaboraron xuntos en diferentes obras. Froito desa unión tiveron unha filla: María de los Dolores Francisca del Adalid y González-Garrido.

Con Marcial del Adalid relacionáronse con intelectuais e artistas como Emilia Pardo Bazán, Sofía Casanova, os pintores Taibo e Lloréns, Pan de Soraluce, Alfredo Tella ou Pérez Lugín, en Galicia; e F. A. Barbieri, Juan María Guelbenzu ou Mariano Vázquez, na capital. Á morte do seu home, con 55 anos tras unha enfermidade, aflorou a obra literaria da escritora, que ofrecía mostras de estar moi por diante da intelectualidade feminina do seu tempo, que velou polo progreso social e defendeu a cultura de Galicia. Asinou varias novelas, mantivo frutiferas colaboracións literarias na prensa e traduciu ao castelán do alemá Viaje a Italia (1891) -con prólogo crítico- ou Teatro Selecto (1893) de Goethe. Seis anos despois volveu casar co prestixioso catedrático universitario e químico lucense José Rodríguez Mourelo (1857-1932). Da súa man coñece a Ramón y Cajal, Echegaray ou Torres Quevedo.

Laura Touriñán destaca na súa entrada que Fanny Garrido sempre amosou un gran interese pola cultura galega,. Con Emilia Pardo Bazán fundan a Sociedade de Folk-Lore Galego. Anos despois colabora coa Academia Gallega (hoxe Real Academia Galega), canda outras mulleres intelectuais como Filomena Dato, Joaquina Otaño, Matilde Frade ou Francisca Fernández Vaamonde, entre outras. Grazas, precisamente, á súa participación nestes dous fitos especiais e determinantes da historia da cultura de Galicia, Fanny Garrido foi nomeada Académica Correspondente pola Academia Galega o 15 de setembro de 1905.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.