O Consello da Cultura Galega repite a colaboración no Festiletras cun contacontos sobre animais

O Consello da Cultura Galega (CCG) colabora na nova edición do Festiletras co espectáculo “Contos de animais” de Celso Fernández Sanmartín. A cita terá lugar o día 2 de setembro ás 16:30 horas, neste festival que leva case corenta anos promovendo a cultura no rural.

A Fundación Eduardo Pondal organiza desde 1982 un festival que serve de escaparate de numerosas iniciativas culturais e que pretende afondar na idea de que a cultura non é só espazo para as grandes cidades. O CCG, no marco do cumprimento do seu mandato fundacional, colabora nesta cita co espectáculo “Contos de animais” a cargo de Celso Fernández Sanmartín. O recoñecido narrador lalinense ofrecerá un espectáculo para público infantil que se centrará en recuperar historias arredor dos animais na cultura tradicional. Na súa actuación ofrecerá contos sobre os cantos do animais. A súa función está vencellada á presentación da obra “Antoloxía do conto popular galego” que Henrique Harguindey realizará no marco desta edición do Festiletras.

Outras noticias que che poden interesar: