----

O Arquivo da Emigración Galega amplía o repertorio de prensa da emigración con novos números

Son trinta números que recollen unha mostra representativa do Boletín oficial de la sociedad Fomento de Porriño y su distrito, unha publicación editada en Bos Aires para informar dos asuntos internos da institución e outras novas de interese relacionadas con Porriño. É un novo lote de números que completa o proxecto Repertorio de prensa da emigración” que mantén o Arquivo da Emigración Galega do Consello da Cultura Galega (CCG) e que se pode consultar na rede.

Joaquín R. Rodríguez e Manuel Avendaño foron os directores desta publicación societaria que tivo entre os seus colaboradores nomes como Eladio Rodríguez González, Ramón Suárez Picallo, Valentín Lamas Carvajal ou Wenceslao Fernández Flórez. Estaba escrita en castelán, aínda que mantivo colaboración literarias en galego. Contén información relevante da sociedade editora, Fomento de Porriño y su distrito, como era a nómina de socios, as memorias e das asembleas, o proxecto de Estatutos, os balances económicos e das novas sociais, falecementos ... pero tamén de novas de interese para os asociados e dos proxectos impulsados en Galicia pola sociedade (escolas, bibliotecas etc.). Tamén inclúe noticias da actualidade de España, de Galicia e particularmente da súa comarca (na sección "De Porriño"), nas que se manifesta o apoio ao movemento agrarista, e o seu republicanismo.

Sobre Fomento de Porriño y su distrito
Esta entidade foi creada en 1916 polos emigrantes naturais do concello de Porriño residentes en Bos Aires. A súa primeira Comisión Directiva estivo integrada por Marcelino Sequeiros, como presidente; vicepresidente, Pedro F. García; secretario, Carlos Fornos; prosecretario, Ignacio Paz; tesoureiro, Ricardo Saavedra; protesoureiro, Emilio Coto; contador, Emilio Rodríguez Leirós; bibliotecario, David Pereiro; vogais: Maximino Pereiro, Jesús Pérez, Verísimo Pérez, Juan Carrera Valverde, Manuel R. Fernández, Eleazar Pereiro, José Leiras, Evaristo I. Catalán, J. Domínguez, M. Afaro, E. Rodríguez, J. Saavedra, Antonio Casalmorto, J. González, F. Oya.

Os fins recollidos nos Estatutos son "a unión dos naturais de Porriño e aportar desde América alentos e apoios morais e materiais en pro da cultura e da redención do caciquismo ó que está sometido o pobo galego". Teñen tamén a prioridade de fundar e soster economicamente escolas gratuítas para nenos e nenas en Porriño e nas súas parroquias. Do seu programa didáctico destaca a importancia da educación física no programa escolar, as clases nocturnas e a creación de bibliotecas en todo o distrito para o público en xeral. O seu proxecto incluía tamén a necesidade de crear un corpo de bombeiros e o desenvolvemento comercial da súa terra natal, cooperando na construción e conservación de camiños comunais e veciñais. Outro aspecto sería a loita pola derrogación de determinados impostos “de pisos y municipales que pesan directamente sobre los artículos y productos de primera necesidad".

En decembro de 1923 un grupo de socios descontentos coa actuación da Xunta Directiva deciden separarse e crear outra sociedade que se denominará "Unión Agraria Parroquias Unidas del Distrito de Porriño"; esta sociedade quince anos despois, en 1938 apoiará a idea de fusión das sociedades de porriñeses existentes en Bos Aires e crean a actual Sociedad Residente del Municipio de Porriño. A actual entidade é froito da fusión das seguintes entidades: "Fomento de Porriño y su distrito", "Unión Agraria Parroquias Unidas del distrito de Porriño" e "Hijos de San Salvador de Budiño". Esta fusión aprobouse nunha asemblea o domingo 12 de xuño de 1938, nos locais da Federación de Sociedades Gallegas de la República Argentina, á que está adscrita.