----

O eonaviego no camiño da estandarización

Publícase na rede unha nova gramática do eonaviego, elaborada polo profesor Xavier Frías Conde. A gramática pretende servir de achegamento ó galego falado en Asturias e ó mesmo tempo ofrecer unha proposta morfolóxica para a escrita da lingua.
(Máis información)

O eonaviego, nome usado nesta gramática para denominar o galego de Asturias, fálase nos 18 concellos máis occidentais do Principado, aínda que en 3 deles só se fala na súa metade máis occidental.


No que respecta á codificación da lingua, fronte ás propostas que negan a presencia do galego en Asturias e tratan de asimilar esta lingua ó asturiano, o profesor Frías Conde ofrécenos unha proposta de codificación enmarcada dentro da normativa vixente para o corpus lingüístico galego, establecendo ó mesmo tempo unha subnorma propia que trata de ser fiel ós trazos lingüísticos que caracterizan a lingua que se fala entre o Eo e o Navia.


A nova gramática eonaviega está accesible en liña e proximamente poderá consultarse tamén desde o portal Romania Minor, onde xa se ofrece o “Resumo prático de gramática eonaviega”, unha primeira achega, en forma de resumo, que o mesmo autor presentou no 2001.