A biografía de Xoán Manuel Pintos incorpórase ao Álbum de Galicia

Xoán Manuel Pintos Villar (O Burgo-Pontevedra, 1811 - Vigo, 1876) foi un dos principais precursores literarios do rexurdimento. É o autor de A gaita galega, obra publicada en 1853 que se converteu no primeiro libro escrito case exclusivamente en galego. María do Carme Ríos Panisse é a autora da entrada que hoxe se incorpora ao Álbum de Galicia.

O pontevedrés Xoán Manuel Pintos Villar foi un autor de intención didáctica, moi preocupado pola posible desaparición de usos lingüísticos e costumes galegos da súa época. Mantivo una relación intensa e intermitente coa cidade de Pontevedra, na que colaborou, xunto co seu cuñado, José Benito Amado, nos Misterios de Pontevedra (1845), unha publicación por entregas, na que Pintos publicará algún poema social e costumista en galego e no que denuncia a situación decadente da vila do Lérez. Foi a raíz desa colaboración cando comeza a formar parte da xeración de 1846, aínda que el era dez anos máis vello que os principais integrantes, e na que salienta pola defensa da lingua galega cunha creación poética case monolingüe, caso único no grupo, pois o uso do galego neses anos era esporádico e anecdótico.
Pintos foi un home moi preocupado pola lingua, gran recadador de léxico galego, que organizou no coñecido Breve diccionario gallego, publicado en 1853, e no Vocabulario Gallego castellano, feito en 1865 pero só publicado en 2001 .
Na súa entrada do Álbum dise que Pintos “non posúe o intimismo ontolóxico da poesía rosaliana, nada ten que ver co orgullo patrio do celtismo emotivo e sensorial de Pondal e está afastado da radical denuncia de Curros. Pero a súa voz, sen ser excepcional artisticamente, é iniciática e precursora dos tres grandes poetas do Rexurdimento, aos que achega temáticas, formas e usos”.
A súa poesía estivo sempre vencellada á Pontevedra natal, tanto pola temática como polos personaxes que tratou na súa literatura. Amosou a riqueza léxica en desaparición do galego ou co emprego de estruturas narrativas moi traballadas.
A entrada vai acompañada dunha serie de materiais entre os que destaca o Manuscrito do poema «Bieito e Manuela» que escribiu en 1867. Ligazóns a reportaxes emitidas sobre a súa figura e outros documentos.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.