Unha xornada do Consello da Cultura Galega reivindica a catalogación e protección do patrimonio ferroviario

Viadutos, pontes, túneles, máquinas, estacións de trens... Galicia conta cun abondoso patrimonio vencellado á construción do ferrocarril. Do estado actual e dos retos que quedan por facer falaron historiadores e xestores de museos no Consello da Cultura Galega na xornada “ no Ano Europeo do Ferrocarril”. A cita, coordinada por Rebeca Blanco-Rotea e María Xosé Porteiro, puxo de manifesto a importancia de catalogar e protexer este tipo de patrimonio para a súa posta en valor, así como reforzar o Museo do Ferrocarril existente en Monforte para equiparalo a outros centros a nivel español.
Imaxe do evento

Á altura de maio de 2020, só 5 dos 744 Bens Declarados de Interese Cultural en Galicia respondían á categoría de patrimonio industrial. “Unha cifra bastante significativa tendo en conta a importancia que tivo para Galicia este patrimonio en diferentes momentos: as conserveiras, os estaleiros, a explotación do volframio, a industria cerámica...” apuntou na inauguración da xornada Rebeca Blanco-Rotea, coordinadora do encontro xunto con María Xosé Porteiro. A xornada celebrouse hoxe, 8 de setembro, porque se cumprían anos da inauguración do Viaduto de Gundián, en Vedra, no que se completou o último tramo da conexión de Galicia coa Meseta; e porque tamén confluían outras celebracións: cúmprense 140 anos da chegada do ferrocarril a Galicia e o Consello de Europa declarou este 2021 como o “Ano Europeo do Ferrocarril”.

As conclusións
Unha das principais conclusións desta cita é que urxe un inventario do inxente patrimonio que hai en Galicia vencellado ao ferrocarril e que vai desde o material (infraestruturas, pontes, maquinaria...) ata o inmaterial (historias vencelladas ás vivencias das persoas, ao sindicalismo derivado da construcións dos trazados….) “Cómpre a localización, documentación e catalogación dese patrimonio” explicou Rebeca Blanco-Rotea quen tamén considera que “non se pode facer posta en valor se non se coñece”.

A segunda das conclusións desta cita pasa polo recoñecemento de “non é necesario comezar de cero, senón que hai que aproveitar as experiencias realizadas durante anos desde entidades como a Asociación de Amigos do Ferrocarril e outras entidades públicas e privadas” afirmou Blanco-Rotea. Cómpre conectar os protocolos de actuación en materia de patrimonio coas experiencias previas.

En terceiro lugar, tendo en conta que na actual Lei de Patrimonio Cultural xa hai un capítulo específico de patrimonio industrial cómpre artellar un Plan Estratéxico para o Patrimonio Ferroviario. E, en cuarto lugar, cómpre converter o actual Museo do Ferrocarril de Galicia, nun centro de primeiro nivel que teña orzamento, persoal e un plan museográfico e museolóxico. No marco da xornada o director do Museo do Ferrocarril en Monforte, Luís Blanco Gómez, puxo de manifesto o estado actual deste centro que contrasta coa situación do Museo do Ferrocarril de Asturias ou a do Museo Vasco do Ferrocarril que debuxaron os seus directores, Javier Fernández López e Juanjo Olaizola, respectivamente. Completou a visión doutros centros Carlos Abellán, que contou a súa experiencia á fronte do Museo do Ferrocarril de Madrid e a propia María Xosé Porteiro quen, alén de coordinadora da xornada e dunha das mesas, foi tamén directora do Museo do FC-Delicias e da Comunicación da Fundación de los Ferrocarriles Españoles. Nas súas intervencións tamén destacaron a importancia de que este tipo de centros se adscriban aos departamentos de cultura e non de fomento e de transportes como están actualmente.

Ademais, entre as conclusións, tamén se insta á creación dun módulo de formación especializada en Patrimonio ferroviario, centrado na documentación, xestion e posta en valor do mesmo.

Outras intervencións
Neste dia, diferentes especialistas completaron a radiografía da situación do ferrocarril en Galicia. Amosaron que existen moitas liñas por facer, como o gran proxecto fallido do ferrocarril central que vertebraría o territorio galego tal e como apuntou Xosé Ramón Veiga Alonso. Outros especialistas, como o ilustrador, escritor e divulgador, Francisco Boluda máis a arqueóloga Nieves Amado, abordaron a perspectiva do asociacionismo e actividades culturais en diferentes territorios que recuperan a riqueza social e cultural que produciu na sociedade. Nesta liña de traballo o xornalista Rafa Cid escolmou algúns fragmentos do seu documental “Carrilanos: os túneles dun tempo” que completou a perspectiva social desta infraestrutura.

O programa rematou cun recitado do coñecido poema de Curros Enríquez “Na chegada a Ourense da primeira locomotora” a cargo de nenas e nenos de Celanova, coa colaboración da fundación que leva o nome do escritor.

O patrimonio industrial
Esta xornada sitúase nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que este semestre pretende poñer o foco no patrimonio industrial, encadrado nos chamados patrimonios emerxentes. A seguinte cita terá lugar o 17 de setembro en Casaio e leva por título “A guerra esquecida: volframio, modernidade e patrimonio industrial”. Nesta xornada discutirase sobre o papel, posibilidades e límites do patrimonio industrial dentro das políticas patrimoniais de Galicia. Ademais, expoñerase o proxecto de recuperación e de declaración como BIC da mina de volframio de Casaio e doutros exemplos de posta en valor como a mina de Fontao.

Outras noticias que te poden interesar: