O Consello da Cultura Galega pon en marcha “Voces centenarias”, un proxecto para escoitar as figuras senlleiras do país

Hoxe, 13 de setembro é cabodano de Filgueira Valverde. Coa súa voz, xunto coa de Rafael Dieste e a de Maruxa Boga, o Consello da Cultura Galega (CCG) bota a andar “Voces centenarias”. Trátase dun proxecto que peneira no fondo inédito que custodia o Arquivo Sonoro de Galicia (ASG) para ofrecer mensualmente unha escolma das súas gravacións sonoras. Desde o web da institución poderase escoitar a voz de persoeiros da cultura, da política, da emigración... que axudaron a perfilar o noso pasado pero tamén o noso destino presente e futuro.

A voz do vello profesor, Xosé Filgueira Valverde (Pontevedra, 1906-1996), resoa no día do seu cabodano. É unha das figuras elixidas para arrincar este proxecto e ás que proximamente se sumarán Valentín Paz-Andrade, Ramón Suárez Picallo, Ramón Otero Pedrayo, Fernando Iglesias “Tacholas” e moitos outros a través dos que podemos coñecer a contribución de cada un dos nosos intelectuais nos distintos eidos do coñecemento ou da política, do uso da lingua galega alén mar nos anos 50; ou a presenza da poesía e o teatro na emigración.

De Filgueira preséntanse tres fragmentos que dan conta da súa ampla bagaxe intelectual, que percorre todos os temas, dende a lírica medieval ata o folclore. Dous dos arquivos de audio pertencen á colección Afundación e neles Filgueira fala sobre Álvaro Cunqueiro e as festas tradicionais e os ritos do pobo galego; o terceiro corte pertence a unha conferencia que pronunciou no Círculo das Artes de Lugo sobre o acibeche e os seus distintos empregos e na que fai fincapé no significado da concha de vieira e o seu vencello co Camiño de Santiago. Ademais, o Álbum de Galicia inclúe unha nova entrada de Filgueira Valverde centrada na súa participación na Xeración Nós.

A xornalista e actriz Maruxa Boga (Bos Aires, 1915-2010) é outra das voces que xa se poden escoitar nesta primeira entrega. Malia que é arxentina de nacemento, exemplifica a defensa e o traballo pola identidade galega nun contorno urbano e cosmopolita coma Bos Aires. Dende a súa participación en numerosas pezas teatrais dos nosos dramaturgos ou a través de distintos programas radiofónicos -acompañada doutros nomes da colectividade galega-, traballa teimosamente na reafirmación dos sinais identitarios galegos. No proxecto inclúese tres documentos sonoros que amosan a versatilidade e a firmeza de Maruxa Boga nesta tarefa. Un deles é un recitado que Boga fixo no Centro Galego de Bos Aires celebra o Día das Letras Galegas; outro é un fragmento do programa radiofónico semanal Recordando a Galicia, que Maruxa Boga, xunto con Alfredo Aróstegui, puxo en marcha, entre 1945 e 1984. Na escolma tamén aparece un editorial deste programa, do ano 1983, no que Maruxa Boga fala de “Qué es un gallego”.
Outra das voces que inclúe este especial é a de Rafael Dieste, quen desenvolveu un amplo traballo literario non só en lingua galega senón tamén en castelán en Madrid e en Bos Aires, a onde se exiliou despois de rematada a Guerra Civil. O Arquivo Sonoro de Galicia escolma tres fragmentos de catro conferencias que Dieste pronunciou en 1959 no Curso de Orientación Estética que Suárez Picallo organizou na Cátedra de Cultura Galega do Centro Lucense de Bos Aires (despois chamado Centro Galicia).

Arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia foi creado en 1992 co propósito de contribuír á recuperación do patrimonio sonoro galego e aglutinar en Galicia as distintas iniciativas que traballan co mesmo afán. A recompilación, a preservación máis a catalogación e a difusión son os aspectos principais deste centro, que conta con fondos editados e fondos inéditos. Actualmente está dirixido por Xosé Ramón Pousa e ten entre os seus membros a Rafael Cid, Concha Losada, Xulia Feixoo, Mónica Rebolo, Xerardo Dasairas Valsa e Cristina Pujales.