A xornada está artellada a modo de conversas participativas nas que diferentes artistas e comisarios de distintas disciplinas que abarcan o asunto dende as súas propias experiencias. Deste xeito na xornada analizaranse desde iniciativas culturais, sociais e educativas que desenvolven accións mobilizadoras, ata institucións e entidades que están a promover propostas con valores sociais e medioambientais neste eido. Todo contado na voz dos propios protagonistas, que son figuras relevantes e referentes nesta corrente en prol da sustentabilidade dende a creación artística e cultural.
O programa divídese en dúas partes. A primeira leva por título “Acción para a reacción” e pretende un diálogo con artistas acerca da creación artística na contorna natural dende a sustentabilidade. Para iso estarán artistas que desenvolven recoñecidos proxectos como son Fernando Casás, Pamen Pereira e Ruth Montiel Arias.
A segunda parte chámase “Acción para. Reacción” e xunta na mesma mesa a profesionais da xestión cultural para repensar acerca do papel das institucións na procura dun cambio social. Encarna Lago, da Rede Museística de Lugo; Carlos Quintáns, arquitecto e comisario do proxecto de acción cultural 12 MIRADAS – RIVERSIDE, en colaboración co Laboratorio Creativo Vilaseco, obradoiros artísticos participativos na Ribeira Sacra; e o músico Luís Martínez.
Sección de Creación e Artes Visuais
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e entre os seus membros figuran Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Ramón Rozas, Miguel Fernández-Cid, Carmen Díaz, Carmen Neira, e Jesús Pastor. Esta Sección realizou diferentes informes, como por exemplo Arte+Mulleres. Creadoras galegas, centrado na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013, e creou a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, unha base de datos actualizada, un directorio e un centro de recursos para coñecer artistas, obras, eventos, publicacións e entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia e que veu a luz en 2010.