Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza a situación e a historia da mina de Casaio

Este venres, 17 de setembro, terá lugar en Casaio (Carballeda de Valdeorras, Ourense) unha nova sesión dos Encontros Monográficos co Patrimonio Cultural “In situ” que debaterá sobre o papel, posibilidades e límites do patrimonio industrial dentro das políticas en materia de patrimonio no noso país. No marco da xornada, titulada “A guerra esquecida: volframio, modernidade e patrimonio industrial”, expoñerase o proxecto de recuperación e de declaración como BIC da mina de volframio de Casaio e doutros exemplos de posta en valor como a mina de Fontao. Rebeca Blanco-Rotea, Laura Martínez Panizo e Carlos Tejerizo son os coordinadores desta cita.

A modernidade e a conseguinte transformación definitiva das sociedades labregas tradicionais deu lugar un abondoso patrimonio industrial que é moi pouco recoñecido e valorado no noroeste peninsular. Na metade do século XX desenvolveuse neste contexto desenvolveuse unha industria particular que caracterizou a chamada "guerra do volframio" e que ten no noso país varios expoñentes: o poboado de Fontao en Silleda, as minas de San Finx ou o poboado de Casaio en Valdeorras. O Consello da Cultura Galega analiza neste último espazo, o contexto e características do patrimonio derivado destes acontecementos.

O programa
O programa comeza coa chegada a Casaio nunha visita comentada pola aldea e pola exposición de materiais da guerrilla que axuda a entender o contexto do espazo que se analizará. Os relatorios terán lugar de tarde, trala inauguración a cargo da coordinadora da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, Rebeca Blanco-Rotea e de Laura Martínez Panizo, investigadora do Grupo de Investigación Patrimonio Minero del Noroeste Industrial que colabora con esta iniciativa.
O primeiro deles é o de Esther Aparicio Rabanedo, do Proxecto do Museo Nacional de la Energía, que falará deste museo e o seu valor no territorio. De seguido o enxeñeiro Diego Casal falará do patrimonio industrial da mina de Fontao.

A dimensión social e cultural deste proxecto está da man dos escritores Abel Aparicio e Manuel Gago. O primeiro presentará o libro ¿Dónde está nuestro pan? Mentres que Gago falará de guerrilla e imaxinario na cultura galega.
A última sesión corre a cargo do grupo de investigación Sputnik Labrego, onde os seus membros (Francisco Alonso Toucido, Mario Fernández Pereiro, Laura Martínez Panizo, Carlos Tejerizo e Diego Torres Iglesias) presentarán o proxecto de declaración de BIC da mina de volframio de Casaio.

O patrimonio industrial
Esta xornada sitúase nunha liña de traballo da Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega que este semestre pretende poñer o foco no patrimonio industrial, encadrado nos chamados patrimonios emerxentes. A primeira cita tivo lugar o pasado 8 de setembro cunha xornada presencial en que analizaron un aspecto concreto do patrimonio industrial como é o ferroviario. Nesa cita explicaron que urxe un inventario do inxente patrimonio que hai en Galicia vencellado ao ferrocarril e que vai desde o material (infraestruturas, pontes, maquinaria...) ata o inmaterial (historias vencelladas ás vivencias das persoas, ao sindicalismo derivado da construcións dos trazados….).

Outras noticias que che poden interesar: