Profesionais da arte amosan no Consello da Cultura Galega diferentes proxectos creativos baseados na sustentabilidade

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolleu esta tarde unha xornada que visibilizou diferentes proxectos artísticos que amosan como a arte pode ser un medio e ferramenta de transformación social. Creadores e xestores amosaron proxectos que se desenvolven desde a Ribeira Sacra, África, Gondomar, León e que permiten ver que a arte tamén pode ser un motor de transformación económica e social concibida desde a sustentabilidade. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez; o coordinador da Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas, Manuel Quintana Martelo, e a coordinadora da xornada Paula Cabaleiro, inauguraron esta cita titulada “Da emerxencia(creativa)”, que foi gravada e se porá a disposición da cidadanía no web da institución.

“Máis que respostas esta xornada o que pretendeu foi abrir interrogantes” explicou a coordinadora, Paula Cabaleiro, que afirmou que “non hai respostas categóricas sobre o dano irreversible sobre o planeta e, aínda que chegamos tarde, si temos que actuar”. Esta cita organizada pola Sección de Creacións e Artes Visuais Contemporáneas do CCG serviu para poñer enriba da mesa experiencias que levan un tempo funcionando e que amosa como a arte pode ser un camiño para unha mellor comprensión do territorio.
A cita, que estaba artellada a modo de conversas participativas, estaba dividida en dúas mesa. A primeira permitiu dar a coñecer experiencias e prácticas artísticas contadas desde a voz dos propio protagonistas. Comezou Fernando Casás, que desde a súa dobre perspectiva de artista e docente, explicou que leva corenta anos traballando en que a súa obra mantivese un “constante diálogo” coa natureza. Explicou que traballa coa enerxía que emana da propia natureza e pon especial énfase na transitoriedade primando a “ética ante a estética” e buscando que o propio espectador sexa quen desvele o contido da obra. Esta forma conceptual fíxolle ser un dos precursores do movemento artístico e conceptual Arte e Natureza. A artista multidisciplinar Pamen Pereira explicou outro modelo de intervención artística que desenvolve a asociación JAADA JAADA (Jua (yua) African Arts for Development Association) que fundou hai anos e que traballa en África impulsando a idea de educar na arte como medio e ferramenta de transformación social. Esta proxecto está en colaboración coa fundación tanzana Jua (yua) Arts Foundation for Children, fundada polo artista tanzano Vitali Maembe. O terceiro modelo de creación artística é o de Ruth Montiel Arias, outra artista mudisciplinar vencellada ao activismo social no que de voces a comunidades que normalmente pasan invisibilizadas.

A segunda das mesas amosan proxectos desde a xestión con tres modelos diferentes que falan dunha transformación a todos os niveis. O primeiro deles é o da Rede Museística de Lugo que explicou a propia coordinadora, Encarna Lago. Un cambio xestado desde dentro, desde o propio equipo humano que partiu da inclusión e da igualdade e que, cun orzamento reducido converteu a rede dos catro museos da provincia (Museo Provincial de Lugo, Museo Etnográfico de San Paio de Narla en Friol, Museo Pazo de Tor en Monforte e Museo Provincial do Mar en San Cibrao) nun exemplo de prácticas sustentables e coherentes co territorio. Un pouco diferente foi o caso da Fundación Cerezales Antonino y Cinia (CCAYC) que explicou Luis Martínez Campo que partiu cunha iniciativa privada con moito orzamento e que apostou por un territorio minúsculo de León, como é Cerezales del Condado, que amosou un museo das pequenas cousas. Un programa que marca unha conexión profunda co territorio en dúas liñas centrais: unha orientada á creación cultural contemporánea con programas de visitantes de artistas recoñecidos a nivel internacional; e outra un ha escoescola que buscar transforma a sabedoría popular en coñecemento a novas xeracións.
Máis preto, na Ribeira Sacra, desenvólvese o proxecto de acción cultural 12 MIRADAS – RIVERSIDE, que xorde en colaboración co Laboratorio Creativo Vilaseco. Carlos Quintás explicou o modelo que realiza obradoiros artísticos participativos, que están marcados pola multidisciplinariedade.

Sección de Creación e Artes Visuais
Esta xornada insírese dentro da liña de traballo de observación da realidade do sistema artístico actual que mantén a Sección de Creación e Artes Visuais Contemporáneas do Consello da Cultura Galega. A Sección está coordinada por Manuel Quintana Martelo e entre os seus membros figuran Manuel Vilariño, Rosario Sarmiento, Asunta Rodríguez, Sofía Santos, Ramón Rozas, Miguel Fernández-Cid, Carmen Díaz, Carmen Neira, e Jesús Pastor. Esta Sección realizou diferentes informes, como por exemplo Arte+Mulleres. Creadoras galegas, centrado na visibilización das artistas no eido das artes visuais en Galicia desde 1990 ata 2013, e creou a plataforma web ATALAIA. Arte contemporánea en Galicia, unha base de datos actualizada, un directorio e un centro de recursos para coñecer artistas, obras, eventos, publicacións e entidades vinculadas á arte contemporánea en Galicia e que veu a luz en 2010.

Outras noticias que che poden interesar: