----

A Real Academia Galega aproba a "normativa da concordia"

A RAG aprobou, o pasado sábado 12 de xullo, a reforma ortográfica do galego. A proposta foi elaborada por unha comisión de especialistas, entre os que se contan académicos, representantes das tres universidades galegas e membros do Instituto da Lingua Galega.
(Máis información)

Esta comisión presentou no plenario do pasado mes de abril o segundo intento de consensuar as dúas correntes principais que hoxe en día existen arredor da norma do galego, é dicir, os que defenden a normativa oficial actual e os que defenden a normativa “de mínimos”, que promove unha maior aproximación ó portugués.


O primeiro intento quedara frustrado cando a RAG rexeitou en novembro de 2001 a primeira proposta de reforma ortográfica do galego, promovida naquela ocasión polos tres departamentos universitarios de galego, o Instituto da Lingua Galega e diferentes entidades asociativas que defenden o galego “de mínimos”. Algúns académicos condenaron aquel texto por consideralo demasiado próximo ao portugués.


Salvadas as diferencias, a recente aprobación da chamada “normativa de concordia” axudará sen dúbida a acadar o desexado consenso arredor da lingua, tanto no ámbito do ensino como na sociedade en xeral.


Coñeza os cambios ortográficos comentados polo profesor Henrique Monteagudo.

Se desexa consultalos seguindo os epígrafes das actuais Normas descargue este documento.