NOTICIA

----

O Álbum de Galicia suma unha nova entrada con Uxío Carré Aldao

Foi un publicista, editor comprometido, investigador e divulgador da identidade galega. Tamén cultivou a faceta de escritor e, segundo Carballo Calero, asinou cos pseudónimos de Carlos Florencio, Esteban de Paleo, Xan do Martinete e Eurico Nagere. A biografía de Uxío Carré Aldao (A Coruña, 1859 - 1932), asinada por Patricia Arias, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

Naceu e morreu na Coruña, cidade na que adquiriu, a finais de 1891, a libraría de Andrés Martínez Salazar na rúa Rego de Agua. Rebautizouna co nome de Librería Regional e axiña pasou a ser o lugar de reunión dos membros da chamada Cova Céltica. Meses despois continuou no sector comprando a imprenta, litografía e papelería de Domingo Puga, cara onde trasladou e a libraría e o seu famoso faladoiro. Nel xestáronse algunhas das principais ideas e iniciativas galeguistas de comezos de século: a Liga Gallega e o seu voceiro, a Revista Gallega. Semanario de Literatura e intereses regionales (1895-1907), publicación bilingüe sobre intereses rexionalistas que dirixiu Galo Salinas; ou tamén o a idea de construír o monumento aos Mártires de Carral e o Boletín Bibliográfico (1895-97).
Como impresor, Carré promoveu a edición de máis de vinte obras de tema galego, tanto en galego como en castelán. El mesmo converteuse cedo en autor: en 1896 editou o seu primeiro libro, Brétemas, que mestura textos en prosa e en verso.

Foi un home convencido do poder do teatro galego que o levou a participar na fundación da Escuela Regional Gallega de Declamación (1903-1904). E tamén desenvolveu unha ampla actividade no ámbito de creación de entidades : foi socio fundador da Real Academia Galega en 1905 e o seu primeiro secretario. membro correspondente da Real Academia de la Historia e da Sección Galega da Academia Española de la Lengua e da Reial Acadèmia de Bones Lletres de Barcelona. Foi, ademais, socio fundador da Asociación Internacional de Bibliografía Pedagóxica e vicepresidente da Comisión Provincial de Monumentos da Coruña e cronista oficial da cidade tras a morte de Martínez Salazar.

Tamén participou nas Irmandades da Fala, onde traballou activamente no xornal A Nosa Terra. Na revista Nós asinou o artigo titulado «A lênda de San Amaro o Pelengrino», traballo co que gañara o premio da Festa da Lingua Galega organizado polo Seminario de Estudos Galegos. Ademais, en Nós tamén asinou unha completa «Coleición de refráns de almanaque» nos números 35 e 36, entre novembro e decembro de 1926.
Trasladou a súa paixón polos libros ao seu posto de bibliotecario municipal da Coruña; onde promoveu a creación dunha sección específica de obras referentes a Galicia, organizando unha hemeroteca municipal e fundando outras dúas bibliotecas públicas.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.