Unha xornada do Consello da Cultura Galega expón na Pobra do Brollón as investigacións sobre a orixe da paisaxe da Ribeira Sacra

Poñer enriba da mesa as investigacións científicas que analizan cando e como se configurou a paisaxe da Ribeira Sacra. Este é un dos obxectivos da xornada que o Consello da Cultura Galega (CCG) celebra a partir de mañá na Pobra do Brollón (Lugo). A cita está coordinada pola arqueóloga e coordinadora da sección de Patrimonio e Bens Culturais do CCG, Rebeca Blanco-Rotea, xunto co tamén arqueólogo e investigador, Xurxo Ayán. A xornada non se retransmite en directo pero será gravada e subirase ao sitio web da institución para consultas futuras.

Son tres denominadores comúns que conflúen nesta cita que, durante dous días, permitirá coñecer por primeira vez de maneira conxunta, as investigacións que un grupo heteroxéneo de investigadores desenvolve desde o ano 2016. O primeiro deles é xeográfico, porque todas as investigacións que se expoñen nesta cita teñen lugar no concello da Proba de Brollón. O segundo deles é o temporal, xa que poñen o foco no período que vai entre a Tardoantigüidade e a Idade Media. O terceiro, é que todas as investigacións parten da complicidade da comunidade local, xa que os investigadores foron construíndo os seus proxectos a partir da información facilitada pola propia veciñanza. Son, por tanto, proxectos construídos desde abaixo cara arriba sobre un territorio da Ribeira Sacra, no foco social e turístico desde a súa declaración de Patrimonio da Humanidade e Reserva da Biosfera.

O programa
O programa está dividido en dous días diferenciados. No primeiro ten lugar a posta en común dos resultados das investigacións científicas encamiñadas a coñecer mellor como se configurou a paisaxe cultural da Ribeira Sacra. Son unha serie de escavacións desenvolvidas no territorio que comezaron cos traballos realizados no Castro de San Lourenzo, seguida dos Conventos e das Adegas da Memoria. Esta xornada, de corte académico, está dividida en tres mesas. A primeira titúlase “Materialidades medievais” e pretende analizar todos os espazos e obxectos materiais vencellados a este territorio. Analizará as eremitas, covas, santuarios, ou as diferentes cerámicas medievais atopadas nos diferentes traballos. A segunda mesa chámase “A reconstrución da paisaxe desde fontes diversa” e pon sobre a mesa os recursos documentais, as fontes orais e as investigacións edafolóxicas para coñecer máis sobre a orixe do terreo actual. Nesta participan Cruz Ferro, da Universidade do Algarve, Víctor Rodríguez da Universidade de Vigo e Xurxo Ayán da NOVA de Lisboa. A terceira mesa titúlase “Pensamentos e sociedades medievais” e Juan Palo López García, Olga Novo e Puri Díaz Ferreiro comentarán sobre identidade, memoria emocional e territorio.

O segundo día servirá para poñer de manifesto as posiblidades turísticas a partir das intervencións realizadas. A primeira é unha visita guiada de Xurxo Ayán polo castro e a necrópole medieval de San Lourenzo. O propio Xurxo, xunto con Olga Novo, farán unha segunda visita a través da o casco medieval da Pobra. A sesión remata na visita da tarde coa visita a Vilachá, concretamente ao Miradoiro da Capela e ao conxunto etnográfico das adegas.

Outras noticias que che poden interesar: