----

O Consello da Cultura Galega participa en varias actividades no Día Europeo das Linguas

O 26 de setembro é o Día Europeo das Linguas. Unha efeméride instaurada polo Consello de Europa para recoñecer a diversidade lingüística como unha ferramenta clave para lograr unha maior comprensión intercultural e un elemento clave no rico herdo cultural do noso continente. O Consello da Cultura Galega (CCG) súmase á celebración en colaboración con outras entidades. A presidenta da institución, Rosario Álvarez, asiste este venres en Nápoles (Italia) aos actos convocados polo Instituto Cervantes. Ademais, o domingo, que coincide co propio día da celebración, participará no acto institucional que terá lugar en Santiago.

A presidenta do Consello da Cultura Galega participa este venres no acto convocado polo instituto Cervantes para celebrar a diversidade lingüística. Baixo o título “Día europeo das linguas. Invitación ao plural” está programado un recital no que sete poetas (catro españoles e tres italianos) recitarán os seus versos noutras tantas linguas que se falan en ambos os dous países. O galego estará representado pola poeta Alba Cid (Ourense, 1989). O acto ten lugar no Castell dell’Ovo e poderá seguirse en directo pola canle de YouTube do Instituto Cervantes.

O recital terá lugar trala reunión de traballo na que participa a presidenta do CCG xunto co director do Instituto Cervantes, a directora xeral do Libro e a responsable do Instituto Vasco Etxepare na que se pretenden organizar novas actividades de colaboración arredor do español e as linguas cooficiais.

Ademais, o vindeiro domingo terá lugar na praza de Praterías en Santiago, o acto institucional do Día Europeo das Linguas. O acto inclúe unha interpretación musical a cargo de Olga Raíces, Orestes Reyes e Antonio Florencia Fernández; a proxección do audiovisual “Imos de camiño”, unha lectura poética multilingüe a cargo de alumnos e alumnas de Erasmus. Intervirán o alcalde de Santiago, Xosé Bugallo, o presidente da Academia Xacobea, Xesús Palmou; a presidenta do Consello da Cultura; o reitor da Universidade de Santiago, Antonio López; o presidente do Parlamento de Galicia, Miguel Santalices; e o conselleiro de Cultura, Román Rodríguez.