O Consello da Cultura Galega renova o web do Arquivo da Emigración Galega no centenario da Federación de Sociedades Galegas

O 24 de setembro de 1921 tivo lugar o congreso constituínte da Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, unha entidade promovida por Antón Alonso Ríos, Manuel San Luis, Enrique Rodal e Joaquín Folgar Lema para loitar contra o caciquismo e defender os intereses da colectividade galega emigrada. No centenario desta entidade, que aínda permanece activa, o Consello da Cultura Galega (CCG) presenta a renovación do sitio web do Arquivo da Emigración Galega (AEG). Este cambio preséntase tamén con novos contidos e unha nova entrega do especial “Historia de Ida e volta” centrada, precisamente, na difusión de material relativo á traxectoria desta histórica entidade.

A nova web do Arquivo da Emigración galega preséntase ao público con dous contidos novos encamiñados a visibilizar e facilitar a difusión pública do traballo deste departamento. Entre as novidades figura o acceso público do repositorio de busca da documentación das sociedades da emigración galega que custodia o Arquivo da Emigración Galega. Ademais, coincindo coa celebración, públicase unha nova entrega do proxecto “Historias de ida e volta” centrado nesta ocasión na documentación da federación.

Documentación para entender un fenómeno
A colectividade galega do exterior caracterizouse por crear asociacións e centros galegos nos que, alén de exercer un servizo de axuda e amparo, servíalle para defender a súa cultura e reproducir os costumes festivos no país de acollida. É unha documentación formada por libros de actas das xuntas directivas, libros de rexistro de socios, libros de contabilidade, memorias sociais, estatutos e regulamentos, libros de correspondencia, libros de actas das diversas comisións societarias (cultura, sanidade, ...) e folletos de diversa tipoloxía (dípticos/trípticos das actividades societarias basicamente)... que axudan a entender o propio fenómeno migratorio e tamén o desenvolvemento político, cultural e económico do noso país. O Arquivo da Emigración Galega custodia material de preto de trescentas sociedades galegas espalladas desde Cuba, Brasil, Uruguai ata Suíza, Alemaña, Reino Unido cuxa indexación se pode localizar agora a través do web.

A undécima entrega do especial para visibilizar fondos da emigración
A Federación de Sociedades Gallegas da República Arxentina constituíuse nun congreso realizado hai cen anos co interese de loitar pola emancipación económica, cultural, política e social dos galegos, principalmente dos que vivían do campo. Defendía o ideario republicano de esquerdas e o agrarismo rexional pero pronto apareceron disensións entre dous sectores: os que se declaran galeguistas, que priman os intereses de Galicia na súa loita, e o sector socialista, para os que a defensa da república, do obreiro e dos ideais de esquerdas son prioritarios. Chegaron a escindirse, pero na Guerra Civil volven reunirse nunha única entidade que chegou a sumar 40 asociacións con máis de 10.000 afiliados. Imaxes e documentos desta entidade son as que conforman a undécima entrega do especial “Historias de ida e volta”, iniciativa que organizamos coa colaboración da Secretaría Xeral da Emigración, coa intención de visibilizar e a dar a coñecer materiais que axudan a entender o fenómeno migratorio.

O proxecto arrincou en 2020 e desde entón publicáronse dez especiais que permitiron poñer a disposición pública da cidadanía desde os permisos e permisos e documentos que precisaron os e as emigrantes para poder saír do país; ata as imaxes das festas e celebracións das formas de lecer das diferentes comunidades.

Arquivo da Emigración Galega
O Arquivo da Emigración Galega é un centro que desenvolve proxectos de investigación que intentan aproximarse ao fenómeno migratorio desde os máis diversos enfoques, cun carácter netamente interdisciplinar. Entre as súas áreas de traballo está a difusión de estudos sobre o fenómeno migratorio, a través de publicacións de obras de interese cultural e científico. Está dirixido por Xosé Manoel Núñez Seixas e conta entre os seus membros con Antía Pérez, Xesús Fraga, Raúl Soutelo ou Luís Domínguez, entre outros.