Diferentes especialistas inciden na necesidade de protección do Museo Carlos Maside

O Consello da Cultura Galega (CCG) organizou e acolleu esta mañá a primeira das sesións das xornadas tituladas “O museo Carlos Maside: un patrimonio cidadán” . “Esta é unha sesión de traballo que esperamos teña os seus froitos para o sistema cultural galego” explicou Rosario Álvarez, presidenta do CCG, na inauguración. E na mesa houbo propostas concretas, como a da avogada especialista en dereito da cultura, Patricia Gabeiras, que apuntou á figura da fundación para a súa futura xestión. Con todo, os participantes coincidiron en que o máis importante e urxente é a súa protección a través da declaración de Ben de Interese Cultural. Algo está “moi próximo” tal e como apuntou o secretario xeral de Cultural, Anxo Lorenzo, que detallou a “folla da ruta” da Xunta para este centro.

“Ás veces a creación artística e o dereito non concilian moi ben” apuntou Xavier Ferreira na presentación do primeiro panel da sesión que buscaba coñecer o pasado e ver que fórmulas administrativas e legais poderían xestionar o centro e os mecanismos para protexer este espazo que foi un referente da vangarda galega. Nesta dirección apuntou tamén Felipe Senén quen asegurou que “estamos nunha cuestión ética e estética que non encaixa ben na xeometría das leis” ao tempo que reivindicou ir á xénese da creación deste centro para non caer “na liturxia dunha cultura de supermercado”. Para Felipe Senén a fórmula administrativa que xestione este centro debe respectar os principios cos que o fundaron Luís Seoane e Isaac Díaz Pardo. E, entre as posibilidades que se abordaron durante as intervencións, plasmouse a da fundación. “As fundacións poden ser as fórmulas xurídicas máis revolucionarias porque fan que os bens non se privaticen xamais” asegurou a avogada Patricia Gabeira.
Con todo, o máis urxente é a súa protección a través da máxima figura legal que ten administración como é a declaración de Ben de Interese Cultural. Medida que se reivindicou en todas as intervencións. Patricia Gabeiras insistiu no feito que de que “hai que pensar na declaración de Ben de Interese Cultural como unha posta en valor, como unha oportunidade e non como un atranco”. Na súa intervención fixo unha pequena síntese das datas, datos e documentos da xénese xurídica deste centro, constituído en 1970 nun convenio entre dúas partes. Dunha banda, polo Laboratorio de Formas, representado por Isaac Díaz Pardo e Luís Seoane, que se encargaban da súa dirección artística, e, da outra, por Cerámicas do Castro, a través de Xosé Luis Vázquez e Federico Nogueira, que cedían o espazo. Con todo, os expertos deixaron claro que as dúbidas actuais sobre a titularidade do centro non afectan ao proceso administrativo da súa protección pero si que cómpre definir ben sobre que tipo de protección debería afectar: se é só o museo, do conxunto do museo máis a colección ou de todo o proxecto industrial.
Anxo Lorenzo, o secretario xeral da Xunta de Galicia trazou, sen precisar datas, “a folla de ruta” da administración. “Non partimos de cero e levamos anos traballando na documentación e informes deste centro” asegurou. Ademais, detallou que unha das últimas actuacións é deste último ano, cando se realizou o último inventario no que “constan máis de 2.000 pezas que existen no centro e detalla o seu estado de conservación”. O secretario xeral de Cultura concretou a actuación da Xunta de Galicia en tres vías. A primeira é a da protección do espazo e asegurou que hai moito traballo realizado e están a piques de rematarse os estudos previos. A segunda vía ten que ver coa preservación do edificio e da súa colección. Sobre o edificio apuntou que cómpre “unha reforma integral do espazo” e sobre a colección asegurou que non lle consta espolio sobre o as obras e “só un 10% do conxunto total da colección está afectada polo paso do tempo”. Ademais, afirmou que cómpre unha nova museografía do centro. A terceira das vías é que a finalidade de todas estas accións é a apertura ao público e a investigadores do museo. Para Anxo Lorenzo, o futuro para por “un museo protexido coa máxima figura de protección, en correcto estado de conservación, aberto ao público e que conxugue os intereses da propiedade e da administración”. Ademais, apuntou que hai fondos europeos cos que se poderían financiar as reformas e accións necesarias.

O proxecto museográfico
O outro aspecto que centrou a xornada foi a importancia do proxecto museográfico. Para iso contouse con especialistas que foron detallando proxectos e investigacións relacionadas oca materia. Comezou coa intervención da profesora da Universidade da Coruña (UdC) María Antonia Pérez Rodríguez que fixo un repaso histórico do Museo Carlos Maside. “Foi un proxecto que funciounou no que hoxe se coñece como como empresa con propósito” explicou, no que estivo marcado pola calidade da materia prima, o coidado procesos de fabricación no que subxacen os postulados da escola da Bauhaus pero tamén dunha imaxe de marca, o pedigree de estar sito en Galicia e o compromiso de poñer en valor e divulgar a nosa cultura, coa recuperación e actualización das formas da nosa cultura.

A investigadora Inmaculada Real López que coñece ben a rede mundial de museos do exilio e afirmou que o Museo Carlos Maside é “nun museo diferente do que hai en toda España” e apuntou aos tres piares claves que debe ter este centro: “sociedade, memoria e lugar”.

Pola súa parte, Rosario Peiró, directora da Área de Coleccións do Museo Reina Sofía, falou do proxecto que desenvolve no Museo Reina Sofía no que entrou hai doce anos e comezou a crear novas narrativas e, sobre todo, cubriu a ausencia do exilio español inexistente no museo. Destacou que “é momento de facer unha lectura nacional sobre o exilio e o museo Carlos Maside amosa que ao mellor aínda non se pode”. Por iso, na súa opinión, cómpre decidir como se vai plantexar a historia do exilio. Por último, María Dolores Jiménez-Blanco, directora xeral de Belas Artes, afirmou que o Museo Carlos Maside foi moi rupturista porque “propuxo unha idea moi diferente do rexionalismo que estableceu o franquismo”.

As xornadas conclúen o martes en Sada pero tiveron continuaron pola tarde do luns cunha sesión realizada no Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela, na que se puxeron de manifesto as investigación desenvolvidas por tres grupos desta universidade.

O CCG e o Museo Carlos Maside
O Consello da Cultura Galega realizou en xaneiro de 2018 un informe no que un grupo de especialistas coordinados por Marisa Sobrino, instaban á protección do conxunto (das obras e do espazo que as albergaba) e solicitaban a máxima figura de protección: a declaración como Ben de Interese Cultural. O informe establecía que “os fondos pictóricos do MGACM, xunto co edificio que os alberga, recollen un conxunto artístico e arquitectónico único pola calidade das obras que a compoñen e polo alcance simbólico e representativo da evolución da arte contemporánea galega dos últimos tempos”.

Outras noticias que che poden interesar: