O Consello da Cultura Galega e a Asociación Profesional de Letrados da Xunta asinan un convenio para accións formativas no ámbito do dereito e da cultura

A presidenta do Consello da Cultura Galega (CCG), Rosario Álvarez, e o presidente da Asociación Profesional de Letrados da Xunta de Galicia, Manuel Fuertes, asinaron esta mañá un convenio para a realización de diferentes accións de cara á revitalización da actividade cultural aproveitando o impulso económico do Xacobeo 2021-22. A sinatura do convenio permitirá a realización de actividades que responden a unha vella demanda do sector cultural de recibir formación específica para poder coñecer mellor os procedementos e fórmulas administrativas para o fomento da actividade cultural.

“Desde o Consello da Cultura Galega sempre detectamos unha necesidade de formación específica nesta materia para o sector da cultura que agora se concreta” apuntou a presidenta do CCG trala sinatura do convenio. O presidente da Asociación de Letrados tamén celebrou a iniciativa e ambos os anunciaron que xa se está a traballar en novos proxectos para 2022.

A primeira das accións formativas resultante deste acordo concrétase en dous cursos que xa teñen aberta a súa inscrición a través do web do Consello da Cultura Galega. O primeiro deles leva por título “Curso de contratación administrativa no sector cultural” e terá lugar o vindeiro 6 de setembro. A contratación pública supón aproximadamente o 10 % do PIB e ata un 24% do gasto público. Ademais, concíbese non só como a forma que teñen as administracións de adquirir bens, obras ou servizos, senón tamén como mecanismo para implantar políticas públicas. Pero toda actividade administrativa ten os seus procedementos fixados por lei co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades para acadar tales contratos públicos, de forma que sexa a mellor oferta a que resulte adxudicataria, o que o que require coñecer tales procedementos, as súas regras e vías para reclamar chegado o caso. Este curso está orientado a que os operadores culturais, que teñen unha especificidade propia, teñan coñecemento de como son os procedementos e trámites.

O segundo dos cursos terá lugar o 20 de outubro. Leva por título “Curso de fomento do sector cultural”. Esta actividade está encamiñada a dar a coñecer as medidas de fomento das que dispón a administración de ámbito cultural, especialmente necesarias neste momento trala crise do sector derivada das cancelacións e reducións de aforo motivadas pola COVID-19. Este curso pretende unha sinerxía entre o xurídico e o cultural, dando transparencia ás posibilidades da actuación do sector público no ámbito do fomento, debatendo cos operadores culturais a forma máis axeitada de conxugar as posibilidades que a normativa ofrece coas súas necesidades e explicando a natureza xurídica de cada figura (Patrocinio, mecenado, inversións inmateriais, doazóns modais, premios e bolsas), os procedementos aplicables e os requisitos xurídicos esixibles. Ademais, está encamiñado a familiarizar os asistentes nos procedementos de formalización administrativa das diferentes figuras e as súas peculiaridades; así como no procedemento de concorrencia competitiva de axudas.

A segunda das accións terá lugar arredor do Día do Patrimonio e será unha xornada na que se abordarán as novas perspectivas para o futuro do patrimonio cultural no noso país. Esta cita pretende mudar a tradicional visión do patrimonio que en lugar de verse como un obstáculo en materia urbanística, ambiental ou paisaxística... debería ser concibido como un elemento integrador. Para iso, diferentes profesionais abordarán as problemáticas xurídicas e técnicas que debemos superar na nosa comunidade autónoma para afrontar esa nova visión integradora do patrimonio cultural, xa recollida na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que no seu artigo 2.3 establece o mandato aos poderes públicos de integrar a protección do patrimonio cultural nas políticas sectoriais de educación, investigación, ordenación do territorio, urbanismo, paisaxe, conservación da natureza, desenvolvemento rural e turístico, así como naquelas que supoñan a xestión do dominio público.

Outras noticias que che poden interesar: