O Consello da Cultura Galega presenta cun recital poético o libro O equilibrio dos extremos

O Consello da Cultura Galega (CCG) presenta este mércores (18:30 horas) O equilibrio dos extremos, a publicación que pon en diálogo a obra poética de Xela Arias (Sarria,1962-Vigo, 2003), homenaxeada este ano co Día das Letras Galegas, coa das novas xeracións de poetas. Nel doce escritores e escritoras escollen un poema da autora de Intempériome que fixeron dialogar con outro que elaboraron expresamente para a ocasión. A publicación preséntase mañá cun recital poético no que participan boa parte dos autores participantes. O acto é presencial, precisa inscrición e pódese seguir en directo desde o web e as redes da institución.

Lois Alcayde Dans, Tamara Andrés, Antón Blanco, Alba Cid, Berta Dávila, Alicia Fernández, Rosalía Fernández Rial, Miriam Ferradáns, Gonzalo Hermo, Oriana Méndez, Arancha Nogueira e Ismael Ramos son poetas que formaron parte do proxecto O equilibrio dos extremos, que toma o seu nome dun poema da propia Xela Arias. Todos eles comparten o feito de seren moi novos, nados a partir dos anos 80, que permite fusionar diferentes xeracións en consonancia coa personalidade da propia Xela. O proxecto naceu a propósito do Día Mundial da Poesía deste 2021, como un espazo web que agora ten versión impresa. O libro preséntase na sede do CCG cun recital no que os autores participantes lerán os seus poemas e os de Xela Arias.

O equilibrio dos extremos
As escollas son moi diversas e axudan a percorrer o legado poético da autora. Lois Alcayde Dans (A Coruña, 1997) seleccionou o poema sen título da obra “Denuncia do equilibrio” para propor “Unha nova atea”. Intempériome, poemario que acabou sendo o testamento literario involuntario de Xela Arias, é a obra que máis motiva a moitos destes novos creadores. Diferentes textos inspiraron a Alba Cid (Ourense, 1989), que escribiu “Lava, luz de Bengala”; Berta Dávila (Santiago, 1987), que compuxo “A froita”; máis a Alicia Fernández (Escairón, 1987) e Ismael Ramos (Picota, Mazaricos, 1994) que escribiron cadanseu poema sen título.

En De tigres coma cabalos Xela Arias propuxo “II. Monólogo adicto” que Gonzalo Hermo (Taragoña, Rianxo, 1987) confronta cunha composición titulada “A rabia”; mentres que Tamara Andrés (Combarro, 1992) elexiu “Vente” que confrontou cunha creación que titulou “Huis clos”.
De Dorna, Rosalía Fernández Rial (Carballo, 1988) escolleu “Que lugar” que a inspirou a escribir “Onde aplaque a marea”.

Xela foi unha autora moi activa e a súa obra tamén se atopa espallada en publicacións de variado formato. En 1994 publicou no Boletín Galego de Literatura o poema “Soldados” sobre o que traballou Antón Blanco (Carril, 1996) para compoñer “Dos xinetes nas cuíñas a quen lles descía polos ollos unha sombra de caeren mortos”. Nese mesmo número publicou outro sen título que inspirou a Arancha Nogueira (Ourense, 1989) a compor “Espazo en branco. Miriam Ferradáns (Bon, Bueu, 1982) escolleu outro publicado en A Nosa Terra en 1984, “Na xanela desde abril” para escribir a súa “Na xanela desde marzo”. E o que elexiu Oriana Méndez (Vigo, 1984) foi publicado en 1983 no Faro de Vigo, ambos os dous sen título.
Ademais das intervencións dos poemas creados para o proxecto web, a produtora Miramemira realizou unha videocreación que fusionaba aquel o material. O resultado é unha peza audioviusal de seis minutos de duración que condensa a esencia desta ducia de creadores e creadoras a propósito dunha das voces máis renovadoras e vangardista da poesía galega.
O recital virtual abriu as actividades organizadas polo Consello da Cultura Galega para o Día das Letras Galegas e agora é tamén unha das actividades de peche da programación deste ano dedicado a Xeal Arias e que concluirá en Sarria, localidade de nacemento da autora, o vindeiro 7 de outubro.

Outras noticias que che poden interesar: