A biografía do mestre e pedagogo Justo Pico de Coaña incorpórase ao Álbum de Galicia

Justo Pico de Coaña (Ribadeo, 1821 – 1907) foi un mestre e pedagogo preocupado polo ensino no ámbito rural para o que deseñou un renovador plan baseado nun modelo de ensino que tiña en conta a agricultura e a economía do rural. A súa biografía, asinada por María Isabel Fernández García, acaba de incorporarse ao Álbum de Galicia.

Naceu e morreu en Ribadeo e quixo a casualidade que foi o avó de Manuela Antonia Barreiro Pico, primeira muller que estudaría na Universidade de Santiago de Compostela (USC). Justo Pico de Coaña estudou os tres primeiros cursos de Filosofía no Seminario de Mondoñedo, de 1835 a 1838. Unha vez rematados, solicitou a convalidación ao reitor para poder examinarse e obter o título de Bacharel e matricularse en Cirurxía na Universidade de Santiago. Só estivo dous cursos que abandonou para ser Mestre de escola elemental. En 1851 dirixiu as escolas públicas de Viveiro, nas que impartiu clase ata 1881 que se trasladou a Ribadeo por motivos familiares. Foi nese período en que, consciente das dificultades da aprendizaje provocadas pola localización xeográfica e a situación das economías rurais, lle presentou ao reitor unha Memoria de escuelas rurales y de agricultura, un plan para potenciar o ensino no rural con incidencia na adquisición de terreos, a construción de edificios e a exención de prestacións persoais. Unha memoria que presentou con informes positivos sobre o plan, asinados polo alcalde de Viveiro e polo gobernador de Lugo. A resposta ao seu proxecto foi negativa por parte de fondos, e el recollería as principais ideas no seu libro Guía legislativa y directiva de escuelas rurales ó Manual para la organización y régimen de las escuelas rurales de primera enseñanza, dedicada a los párrocos y maestros de los pueblos rústicos. Nesta guía describe a organización da escola rural na que, á parte dos coñecementos de cultura xeral, se instruiría en materia agrícola elemental, teórica e práctica. A instrución práctica sería de dúas horas á semana e a teórica de hora e media e a escola, situada no medio dunha horta, estaría rodeada de parcelas destinadas a distintas producións que servirían para realizar as prácticas escolares. Outras materias, como a lectura, tamén se orientarían ao mundo rural.

As súas ideas innovadoras sobre o ensino valéronlle numerosos premios, como o título de Caballero de la Distinguida Orden Española de Carlos III. Na Exposición rexional de Lugo obtivo a Medalla de prata pola súa obra didáctica Repertorio de latín comparado con el francés y el italiano. O concello de Ribadeo dedicoulle unha rúa mediante acordo municipal de 10 de xullo de 2012.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.
As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.
O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.