NOTICIA

----

O Consello da Cultura Galega incorpora un novo capítulo do especial “Os profetas do pórtico e a cultura galega”

O especial “Os profetas do pórtico e a cultura galega” suma un novo capítulo centrado no descubrimento da tumba de Teodomiro e os episodios para frear o deterioro da fachada de Praterías. Deste xeito engádese nova documentación histórica que permite trazar a singular relación de Franco coa catedral de Santiago e a súa conservación na segunda metade da década dos 50. Francisco Prado-Vilar, doutor pola universidade de Harvard e investigador do Real Colexio Complutense de Harvard, volve achegar nova documentación a este proceso.

O novo capítulo está centrado no ano 1955, que comezou co envío ao Pazo de Meirás dos profetas do Mestre Mateo, que pertencían ao Concello de Santiago –segundo se documenta no especial coa carta de Filgueira Valverde a Sánchez Cantón do 30 de xaneiro-, e culminou coa descuberta da tumba de Teodomiro nas escavacións da catedral, coincidindo coa estadía estival de Franco en Galicia. A nova documentación ofrece recortes de prensa que anuncian o achado da lauda sepulcral do bisco de Iria Flavia, Teodomiro, e a preocupación polos problemas de conservación das esculturas de Platerías. Documentación que, como Francisco Prado-Vilar asegura no texto, pon en evidencia as “contradicións do réxime franquista na xestión do patrimonio”.

O especial
En 2019 o Consello daCultura Galega puxo na rede un especial que ofrecía documentación sobre a traxectoria da cinco esculturas da fachada do Pórtico da Gloria e doutros ámbitos da catedral: as efixies dos profetas Enoc, Elías, Ezequiel (ou Isaac) e Xeremías (ou Abraham), e a figura de Santiago cabaleiro. Son obras maxistrais da arte universal que tamén teñen un valor simbólico e material incalculable para a cultura galega. Ademais, permítennos coñecer a evolución política e cultural de Galicia no século XX e escoitar as conversas entre Filgueira Valverde e Sánchez Cantón sobre como concibían a grandeza do Museo de Pontevedra; como Chamoso Lamas facía o que podía para protexer o legado monumental do que era máximo responsable; ou como Xesús Carro ou Fermín Bouza Brey, represaliado no franquismo, tentaban manterse firmes no seu compromiso galeguista e na salvagarda do patrimonio do noso país. Esta documentación ten varios niveis de lectura, desde as relacións de amizade entre figuras cruciais da cultura galega, a concepción do patrimonio e a idea do país, ata o declive dunha nobreza secular (a dos condes de Ximonde que se ven obrigados a vender o seu patrimonio), mesturadas polos avatares políticos e poñendo de relevo o crucial labor dos arquivos para custodiar e preservar a nosa memoria.

Este especial ofrecía documentación inédita de moi diferente formato: expedientes administrativos, cartas persoais, fotografías ou manuscritos que repousaban en diferentes arquivos (Arquivo de Galicia, arquivo do Museo Arqueolóxico Nacional, Arquivo Xeral da Administración, Arquivo da Universidade de Harvard...).