O Consello da Cultura Galega analiza en San Simón a influencia de Afonso X no eido musical

A illa de San Simón acolle este sábado, 2 de outubro, unha nova edición do ciclo “Seíam´eu en San Simón” un programa do Consello da Cultura Galega e o Concello de Redondela para realizar actividades relacionadas co pasado histórico da illa. Nesta ocasión, cando se cumpren 800 anos do nacemento do Rei Sabio, o programa está orientado a rastrexar a influencia do monarca na música. Rosario Álvarez, presidenta do Consello da Cultura Galega; Digna Rivas, alcaldesa do Concello de Redondela; e Xosé Ramón Pousa, coordinador do Arquivo Sonoro de Galicia son os encargados de inaugurar este encontro titulado “A pegada de Afonso X o Sabio na música galega”. A sesión vai ser gravada e subirase á hemeroteca para consultas futuras.

O catedrático Carlos Villanueva é o encargo da conferencia inaugural da xornada cun relatorio titulado “O musicólogo: do manuscrito ao atril”. Pola tarde, o luthier e a soprano Francisco Luengo e Esperanza Mara, falarán desde o punto de vista da interpretación da música afonsina. Pecha Luciano Pérez, director da Colección de Instrumentos Musicais da Deputación de Lugo, que dará conta das reconstrucións dos instrumentos da época realizadas polo Centro de Deseño e Artesanía da Deputación de Lugo.

A reedición do CD
No marco desta xornada de análise da influencia do Rei Sabio no ámbito musical, o Consello da Cultura Galega acaba de reeditar Galicia e as Cantigas de Santa María de Antoni Rossell e G. Courtly Music Consort. Este disco, editado por primeira vez en 2006, pretende contribuír a divulgar o corpus afonsino das cantigas. Henrique Monteagudo, Mercedes Peón ou Manuel María son algúns dos colaboradores deste proxecto que supuxo unha reconstrución arqueolóxica, musical, antropolóxica e filolóxica do traballo do monarca.

Outras noticias que che poden interesar: