NOTICIA

----

A presidenta do Consello da Cultura Galega recibe ao director xeral da CPLP

A presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, recibiu esta tarde ao director xeral da Comunidade de Países da Lingua Portuguesa (CPLP), Armindo Brito Fernández, nunha visita institucional. É a primeira vez que o actual director da CPLP visita as instalacións do CCG onde ademais de asinar no libro de honra da institución, mantivo unha xuntanza na que abordaron futuras colaboracións e fixaron novos proxectos comúns.

Na reunión estaban presentes João Ima-Panzo, diretor de Ação Cultural e Língua Portuguesa; o secretario Geral da UCLA, Vítor Ramallo e Rui Lourido, coordinador da Comissão Temática para a Promoção e Difusão da Língua Portuguesa da CPLP, pola banda portuguesa. Por parte do CCG participaron, alén da presidenta, Rebeca Blanco-Rotea, membro da comisión executiva; Marcelino Fernández, xerente da institución e Emilia García López, responsable de Acción Exterior.

A CPLP
A Comunidade dos Países de Língua Portuguesa é un foro multilateral creado en 1996 e orientado á cooperación entre os seus membros. Nela participan todos os Estados que teñen a lingua portuguesa como oficial e moitas outras entidades vinculadas ao ámbito da lusofonía e con intereses estratéxicos, económicos, sociais ou culturais compartidos.

O status de observador consultivo que ten o CCG supón que Galicia pode estar presente nas xuntanzas temáticas da CPLP, intercambiar información dentro desa rede de Estados e entidades internacionais e servir de ligazón permanente entre a CPLP e a cultura e a lingua galegas. O Consello da Cultura Galega foi aceptado como observador consultivo da CPLP no ano 2016.