Un curso dá as claves da contratación pública en material cultural

O Consello da Cultura Galega (CCG) acolle mañá a primeira das tres actividades desenvolvidas no marco do convenio asinado coa Asociación Profesional de Letrados da Xunta de Galicia para ofrecer formación específica arredor dos procedementos e fórmulas administrativas para o fomento da actividade cultural. Titúlase “A actividade administrativa da contratación pública” e pretende dar a coñecer as claves da contratación pública para ámbito cultural. A presidenta do CCG, Rosario Álvarez, e o presidente da Asociación Profesional de Letrados da Xunta de Galicia, Manuel Fuertes, inaugurarán mañá este curso que ten as prazas están cubertas pero que se pode seguir en directo desde o web da institución.

A contratación pública supón aproximadamente o 10 % do PIB e ata un 24% do gasto público. Ademais, concíbese non só como a forma que teñen as administracións de adquirir bens, obras ou servizos, senón tamén como mecanismo para implantar políticas públicas. Pero toda actividade administrativa ten os seus procedementos fixados por lei co obxectivo de garantir a igualdade de oportunidades para acadar tales contratos públicos, de forma que sexa a mellor oferta a que resulte adxudicataria, o que o que require coñecer tales procedementos, as súas regras e vías para reclamar chegado o caso. Este curso está orientado a que os operadores culturais, que teñen unha especificidade propia, teñan coñecemento de como son os procedementos e trámites.

Programa
A cita comeza cunha intervención de Santiago Valencia Vila, letrado da Xunta de Galicia, xefe do Gabinete e Asuntos Constitucionais, ex-presidente do Tribunal Administrativo de Contratación Pública de Galicia. Nela explicará as diferentes fases do procedemento para a adxudicación dos contratos públicos. Ademais fará fincapé na problemática das diferentes fases e nas vías de reclamación, é dicir, do recurso especial en materia de contratación.

A segunda das intervencións é corre a cargo do letrado Antonio Miño López que falará dos problemas dos operadores culturais como contratistas do sector público: contratación laboral e administrativa; contrato menor e contrato negociado por exclusividade; modificación sobrevida dos contratos; documentación necesaria para participar nun procedemento; explotación da obra despois de rematar o contrato de coprodución.

Próximas accións
A seguinte cita terá lugar o 20 de outubro. Baixo o título de “Fomento do sector cultural”, o curso está encamiñado a dar a coñecer as medidas de fomento das que dispón a administración de ámbito cultural, especialmente necesarias neste momento trala crise do sector derivada das cancelacións e reducións de aforo motivadas pola COVID-19. Este curso pretende unha sinerxía entre o xurídico e o cultural, dando transparencia ás posibilidades da actuación do sector público no ámbito do fomento, debatendo cos operadores culturais a forma máis axeitada de conxugar as posibilidades que a normativa ofrece coas súas necesidades e explicando a natureza xurídica de cada figura (Patrocinio, mecenado, inversións inmateriais, doazóns modais, premios e bolsas), os procedementos aplicables e os requisitos xurídicos esixibles. Ademais, está encamiñado a familiarizar os asistentes nos procedementos de formalización administrativa das diferentes figuras e as súas peculiaridades; así como no procedemento de concorrencia competitiva de axudas.

A terceira das accións terá lugar arredor do Día do Patrimonio e será unha xornada na que se abordarán as novas perspectivas para o futuro do patrimonio cultural no noso país. Esta cita pretende mudar a tradicional visión do patrimonio que en lugar de verse como un obstáculo en materia urbanística, ambiental ou paisaxística... debería ser concibido como un elemento integrador. Para iso, diferentes profesionais abordarán as problemáticas xurídicas e técnicas que debemos superar na nosa comunidade autónoma para afrontar esa nova visión integradora do patrimonio cultural, xa recollida na Lei 5/2016, do 4 de maio, do patrimonio cultural de Galicia, que no seu artigo 2.3 establece o mandato aos poderes públicos de integrar a protección do patrimonio cultural nas políticas sectoriais de educación, investigación, ordenación do territorio, urbanismo, paisaxe, conservación da natureza, desenvolvemento rural e turístico, así como naquelas que supoñan a xestión do dominio público.

Outras noticias que che poden interesar: