NOTICIA

----

Unha xornada do Consello da Cultura Galega analiza as novas diásporas

Suíza, Francia, Reino Unido ou Alemaña volven ser o destino de moitos galegos e galegas. Desde o ano 2008 rexístrase un aumento da mobilidade que se deu en chamar unha nova vaga migratoria que ten unha serie de características singulares: son xente formada, colectividades que fan un uso intensivo das redes sociais, e trasládanse cara a destinos europeos. Sobre este fenómeno artéllase o seminario “Novas diásporas” que organiza o Consello da Cultura Galega. A vogal da Comisión Executiva, María Xosé Porteiro, e a coordinadora do seminario, Antía Caramés, inauguran mañá xoves esta cita presencial que tamén se pode seguir pola rede.

“Desde 2008 constatamos un aumento significativo do número de xente que marcha cara destinos europeos e son países vinculados a previas vagas migratorias (Francia, Suíza, Alemaña, Reino Unido...), que ademais de caracteriza pola construción de movementos asociativos e que tentan construír un discurso político e transnacional, e que empregan as redes sociais con forza” explica Antía Pérez Caramés coordinadora deste encontro cuxa palestra inaugural corre a cargo dun especialista como é o catedrático emérito de Socioloxía da Universidade da Coruña (UDC), Antonio Izquierdo Escribano.
A cita, que se desenvolve mañá no Consello da Cultura Galega e o venres na biblioteca da Cidade da Cultura, xunta especialistas que analizan o fenómenos e representantes de asociacións e de colectivos galegos na diáspora.

O programa
A xornada está organizada en tres bloques temáticos que pretenden dar unha panorámica xeral do fenómeno destes novos movementos migratorios. A primeira sección chámase “Elementos explicativos: precariedade, “cognitariado” e mercados laborais globais” e nel participa a escritora e filóloga María Alonso Alonso, autora de Transmigrantes, un ensaio que intenta explicar o devir dun grupo moi concreto de persoas de entre trinta e corenta anos que, durante a década da mal chamada “crise” non foi quen de se asimilar no tecido laboral do país de orixe, e que ve na emigración un modo de supervivencia. Por víde- conferencia participa Renato Miguel do Carmo, profesor asociado de Socioloxía, ISCTE-Instituto Universitario de Lisboa e pecha a norueguesa Susanne Bygnes que leva desde o ano 2008 analizando as migracións españolas e en cuxos as motivacións da xente
A segunda sección trata do rexurdir da emigración nos países do sur de Europa. Alén da intervención da investigadora da Universitá di Torino, Roberta Ricucci, destaca Jorge Malheiros, investigador do Centro de Estudos Geográficos da Universidade de Lisboa que ofrece a perspectiva comparada desde o caso portugués.

Este bloque conta cunha mesa redonda de experiencias que dan conta dos movementos asociativos que xorden nesta nova vaga migratoria. Nela participan Pepe Sendón, de ONDA, o Observatorio da Nova Diáspora; Alejandra Praza de Embaixada.gal; Begoña González Rei, de Galego en Londres e Inma gil de Galegos Morriñentos en Londres, Troula e Rede Galega no Reino Unido -REGA-UK.

O terceiro bloque, que analiza os estudos de caso, centra a segunda xornada. Nela, participa por videoconferencia Martina Richter, profesora na Escola de Traballo Social HES-SO Valais que é unha experta na emigración socuíza, país no que non se detivo nunca a emigración galega. Do caso alemán falará María González Blanco, mentres que Antía Pérez Caramés e Sandra López Pereiro exporán os resultados do proxecto de investigación “A nova emigración desde España: perfís, estratexias de mobilidade e activismo político transnacional”.

Pecha o seminario Xosé Manoel Núñez Seixas cun relatorio titulado “Achegamento e debate sobra s estratexias de comunicación e creación de comunidades para as novas diásporas”.