O Consello da Cultura Galega e a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica presentan o proxecto Voces da ciencia

Voces que contribúen a indagar ao redor da ciencia galega do século XX. Esta é a idea central de Voces da Ciencia o proxecto no que o Consello da Cultura Galega e a Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica pretenden indagar ao redor da memoria da ciencia galega recente a través dos seus protagonistas. Cada mes unha nova entrega que arrinca hoxe, 8 de outubro, Día da Ciencia en Galicia, coa voz do químico Fernando Fraga.

Fernando Fraga (Santiago de Compostela, 1922 - Nigrán, 2020) foi un químico que dedicou boa parte da súa carreira investigadora aos océanos. De feito, dicían os seus colegas que “tiña o océano na cabeza”. Os seus traballos permitiron escribir por primeira vez como o afloramento costeiro é o causante da altísima produtividade das Rías Galegas. A entrevista que abre este proxecto é unha das últimas que concedeu e dos poucos rexistros sonoros que existen coa súa voz.

O protagonista
Fraga doutorouse en 1949 en Química Orgánica na Universidade de Santiago baixo a dirección de Ignacio Ribas Marqués. En 1953 incorporouse ao Laboratorio Costeiro de Vigo do Instituto de Investigacións Pesqueiras do CSIC, que tiña a súa sede central en Barcelona. O pai da ecoloxía en España, Ramón Margalef, con quen acabaría traballando man a man, catalizou a súa transformación en investigador oceanográfico. Malia sufrir mareos en alta mar Fraga participou en campañas oceanográficas anuais ata a súa xubilación no Instituto de Investigación Mariñas do CSIC, centro que se independizou do Instituto de Investigacións Pesqueiras en 1978.

A figura de Fernando Fraga é pouco coñecida e recoñecida malia ser un dos grandes nomes da oceanografía química internacional. Este podcast foi elaborado a partir da entrevista inédita realizada a Fernando Fraga en xullo de 2019, cando este contaba con 97 anos, por Luisa Martínez Lorenzo da Unidade de Cultura Científica do CSIC en Galicia, e os investigadores do Centro Oceanográfico de Vigo do Instituto Español de Oceanografía Santiago Fraga Rivas e Francisco Rodríguez Hernández. A edición sonora é de Manuel Vicente.