NOTICIA

----

Nación, de Margarita Ledo, abre mañá en Arcos de Valdevez o III Ciclo de cinema Mulleres, Patrimonios, Sociedade

O papel das mulleres nas crises, o patrimonio como instrumento de cohesión social e o contexto da solidariedade e a fraternidade son as ideas centrais do III Ciclo de Cinema Galego-Portugués Mulleres, Patrimonios, Sociedade que mañá comeza no auditorio da Casa das Artes de Arcos de Valdevez (Portugal). Está organizado pola Sección de Patrimonio e Bens Culturais do Consello da Cultura Galega (CCG) e a Universidade do Minho. A cita, que cada día presenta unha curtametraxe e un filme seguido dun debate co público no que participan os seus realizadores, arrinca mañá coa proxección do filme Nación de Margarita Ledo. Na inauguración estará presente a presidenta do CCG, Rosario Álvarez, o presidente do municipio arcuense, João Manuel Esteves, e a vicereitora da Universidade do Minho, Manuela Martins.

O programa abre coa proxección da película Nación, de Margarida Ledo, un relato combativo e poético dunha loita inconclusa, a das mulleres da fábrica de cerámica de Pontesa. Canda ela a realizadora portuguesa presentará a súa curtametraxe Mulheres em quarentena que explora a relación de dúas mulleres - en Lisboa e en Brasília- que viven en fillos en casa por mor da COVID-19. As dúas realizadoras participarán nun debate co público que tamén contará coa presenza do diretor da Rede Casas do Conhecimento da UMinho, José Gabriel Andrade, e a realizadora galega Sara Traba.

O xoves proxectarase a curta experimental Ganas, de Maria da Fonseca e Rafaela Gomes, estudantes de Ciências da Comunicação da UMinho, e documental de Carlos Eduardo Viana titulado Das arquitecturas tradicionais. No debate posterior participarán, alén dos tres directores, o arquitecto Fernando Cerqueira e as arqueólogas Rebeca Blanco-Rotea e Fernanda Magalhães.

O ciclo remata o sábado 16 coa premiada longametraxe de Alfonso Zarauza, Ons, que entretexe un relato topográfico que explora os vínculos que existen entre as emocións e os lugares que habitamos. Completa o programa Lume na auga, de Ana Lois, unha viaxe interactiva pola Idade do Ferro no santuario galego de Augas Santas. Na tertulia posterior participa a historiadora Alexandra Esteves e a linguista Noemí Basanta.

Alén das proxeccións, o programa compleméntase coa exposición "ONS SOA", de Paula Ballesteros.

Edicións anteriores
Esta proposta arrincou en Braga en maio de 2018, cun programa centrado no cinema galego e a fronteira; un ano máis tarde tivo lugar a segunda edición. Desta volta foi en Vigo e estaba focalizado na situación da muller e a relación coa sociedade.

O programa é o resultado da colaboración institucional entre o Consello da Cultura Galega; a Universidade do Minho a través da Vice-Reitoria da Cultura e Sociedade; o Centro de Estudos Galegos (CEG); o Laboratório de Paisagens, Património e Território (Lab2PT); e o Centro de Estudos de Comunicação e Sociedade (CECS); o Município dos Arcos de Valdevez; o Museo do Pobo Galego e à Comissão Temática de Promoção e Difusão da Língua Portuguesa dos Observadores Consultivos da CPLP.

Outras noticias que che poden interesar