NOTICIA

----

Unha xornada analiza a conservación e preservación do patrimonio sonoro

Coñecer o estado dos fondos sonoros galegos en entidades como a Biblioteca Nacional de España, Biblioteca de Catalunya, Fundación Barrié, Compañía de RTVG, Museo do Pobo Galego e Museo Etnolóxico de Ribadavia e, ao tempo, concienciar na importancia de conservar o noso fondo sonoro. Este é o obxectivo da xornada “A preservación do patrimonio sonoro galego en arquivos, museos e fundacións”. A cita, que se desenvolve este venres, está coordinada por Xosé Ramón Pousa, director do Arquivo Sonoro de Galicia.

A xornada comeza cunha conferencia da xefa do Servizo de Rexistros Sonoros do Departamento de Música e Audiovisuais da Biblioteca Nacional de España, M. J. López Lorenzo, que ofrece un relatorio titulado “Máis que libros: O patrimonio sonoro galego na Biblioteca Nacional de España”. A segunda intervención é a da directora da Unitat de Sonors i Audiovisuals, Biblioteca de Catalunya, Margarida Ullate i Estanyol, que falará dos fondos sonoros galegos na Biblioteca de Catalunya.
Despois haberá unha mesa redonda na que participan María Jesús López Elvira, xefa de Arquivos da CRTVG; Concha Losada do Museo do Pobo Galego; César Llana, director do Museo Etnolóxico de Ribadavia; a coordinadora técnica do Arquivo Sonoro de Galicia, Cristina Pujales; e Diego Rodríguez González, director da Biblioteca da Fundación Barrié de la Maza

O arquivo Sonoro de Galicia
O Arquivo Sonoro de Galicia é un centro do Consello da Cultura Galega que conta con máis de 50.000 rexistros sonoros, procedentes de adquisicións e doazóns, entre os que se atopan 7000 rexistros das emisións de RNE en Galicia ao longo da segunda metade do século XX. Entre os seus fondos destaca a colección de lousas producidas en Galicia ou con contidos galegos, dos que se pode escoitar no web unha parte representativa. As “lousas” son pezas únicas, cunha tiraxe de 200 exemplares que non son exactamente iguais entre si. Na maior parte trátase de gravacións impulsadas dende a emigración para levar a América os sons que manteñen vivos os recordos de Galicia.