A biografía de Ramiro Fonte incorpórase ao Álbum de Galicia

“Poeta sen volta e novelista de prosa transparente” así define Xosé Ramón Fandiño ao escritor, poeta e ensaísta Ramiro Fonte (Pontedeume, 1957 - Barcelona, 2008) na súa entrada do Álbum de Galicia. É a última incorporación deste proxecto dixital que xunta biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos da cultura galega.

Ramiro Fonte Crespo estudou Filosofía en Compostela, foi profesor de Lingua e Literatura Galega en Vigo e Londres e director do Instituto Cervantes de Lisboa. Contou a súa nenez en Vidas da infancia, un longo relato sobre a súa primeira etapa no seu Pontedeume natal, localidade que o nomeou fillo predilecto. Con todo Ramiro Fonte era principalmente un poeta. As cidades da nada foi o seu primeiro poemario ao que lle seguiron catorce títulos nos que deu conta dun fondo corpo poético persoal, moi preocupado pola temática abordada e polo aspecto formal manifestado no ritmo da súa música interior e na linguaxe rica e depurada. “Ramiro opinaba que era escritor de poemas en canto lector de poemas; vividor de poemas. Tan importante é para o poema a forma como o desenvolvemento dunha unidade emotiva; dunha música interior” asegura Fandiño na súa entrada no Álbum.
Ramiro Fonte participou activamente nun momento de explosión da poesía galega coñecido como Xeración dos 80, un grupo plural e relevante que rompeu co realismo social e potenciou a renovación poética mediante o culturalismo e a intertextualidade, coa atención posta na tradición galega e foránea. Pilar Pallarés, Xavier Rodríguez Baixeiras, Xulio Valcárcel, Xosé María Álvarez Cáccamo, Miguel Anxo Fernán Vello, Manuel Forcadela, Manuel Raña…son algúns dos nomes que conformaron esta xeración.
A obra poética de Ramiro Fonte foi traducida parcialmente ao catalán, italiano, francés e inglés, e catro dos seus castelán.
Foi tamén ensaísta, onde plasmou a súa dedicación ao estudo de grandes escritores, das artes plásticas e da teoría literaria. Destacan os seus tetxos sobre Ramón Cabanillas, Luís Pimentel, Álvaro Cunqueiro, ou Bouza-Brey e os catálogso de exposicións de Laxeiro, Xulio Maside, Alfonso Sucasas, Antón Pulido, Francisco Mantecón ou Leopoldo Nóvoa.
Na súa entrada está acompañada doutros materiais documentais e bibliográficos para comprender a relevancia da súa figura e tamén audios para escoitalo na súa voz, como a entrevista que concedeu en 1983 a Radio Nacional de España (RNE) do seu poemario As cidades da nada, na que tamén se pode escoitar o recitado do poema «Garza» de Xesús Valcárcel.

Álbum de Galicia
En xaneiro de 2020 o Consello da Cultura Galega presentou o Álbum de Galicia, unha colección dixital de biografías de persoas que destacaron en moi diversos ámbitos: desde a sociedade, a ciencia, a cultura ou a empresa. A idea é dar visibilidade e perspectiva de conxunto ás numerosas mulleres e homes, xa finados, que contribuíron de maneira significativa á sociedade galega ao longo da súa Historia. En moitos casos, seguen a ser grandes descoñecidos para o público de todas as idades, de dentro e de fóra do país.

As biografías do Álbum de Galicia están enriquecidas con material documental, referencias bibliográficas e contidos multimedia que permiten coñecer a obra das persoas divulgadas, pero tamén a produción intelectual existente sobre elas. Textos e materiais están producidos por expertos e son unha fonte rigorosa para acceder á vida e obra destes persoeiros. Ademais, o Álbum de Galicia permite explorar a presenza das persoas biografadas nos fondos documentais dixitalizados do Consello da Cultura Galega. O Álbum de Galicia é, xa que logo, o punto de acceso que ofrece a entidade para coñecer toda a súa produción divulgativa e investigadora ao redor de cada unha das figuras.

O Álbum de Galicia é o resultado da unificación das coleccións biográficas temáticas do CCG, que desde o ano 2005 teñen publicado álbums ao redor da muller, a ciencia ou a emigración, entre outros.